25 septiembre 2009

Hernández inspecciona mejoras en Cerceda para dotaciones de Sogama

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, realizou esta mañá unha visita ao vertedoiro de residuos non perigosos de Sogama en Areosa (Cerceda) co fin de comprobar, de primeira man, o inicio das obras que conforman o plan de acción, correctivo e preventivo, a materializar nesta instalación tras os resultados da auditoría feitos públicos o pasado mes de agosto.

Acompañado polo Presidente de Sogama, Luis Lamas, e o Director Xeral desta Sociedade, Francisco Silva, o titular de Medio Ambiente supervisou in situ o escenario no que, con carácter urxente, implantaranse unha serie de medidas correctoras coas que solucionar as deficiencias detectadas mediante a auditoría encargada polo seu departamento e realizada en base á Autorización Ambiental Integrada (outorgada a esta empresa pública con data 30 de abril de 2008). Con isto preténdese adecuar a instalación á normativa vixente e eliminar o impacto ambiental derivado da mesma.

Durante o percorrido, Agustín Hernández destacou a eficacia dun Goberno que en cinco meses fixo un diagnóstico da situación, elaborou un plan de acción e comezou as obras,”fronte a catro anos de inoperancia e de mirar cara outro lado”.
A visita ao vertedoiro “con luz e taquígrafos” responde, segundo o conselleiro, a un compromiso de transparencia porque a actual Xunta “non quere ocultar os problemas, senón resolvelos”.

Ademais da ampliación da capacidade do vertedoiro con dous novos vasos, que permitirán contar con espazo abondo para albergar 342.000 toneladas de residuos urbanos, alongando a súa vida útil en 1 ano, en breve concluirase a construción dunha nova balsa de pluviais, dispositivo que aumentará a capacidade total de retención de augas de choiva, garantindo unha correcta clarificación pola decantación de sólidos en suspensión e posibilitando a súa vertedura a canle pública.

O programa de acción, que conta cunha dotación presupostaria de 3 millóns de euros, ten como obxectivo prioritario levar a cabo a explotación do vertedoiro en axeitadas condicións ambientais, de seguridade e saúde, prevendo que o seu desenvolvemento se realice en tres fases:

Unha primeira fase, a executar de forma inmediata, contempla a minimización da xeración de lixiviados e augas de escorrentía contaminadas, propiciando a súa axeitada xestión, tanto en termos de almacenamento coma de tratamento. Nunha segunda etapa, abordaranse os estudos necesarios que permitan realizar un diagnóstico detallado do vertedoiro co fin de asegurar o seu correcto funcionamento dende a dimensión técnica e ambiental, e que pasará, entre outras cuestións, por dotalo de maior estabilidade, modificar ou executar novamente a impermeabilización e selado, instaurar un axeitado sistema de xestión de augas, tanto pluviais como de lixiviados, optimizar os procesos de captación e aproveitamento de biogás, e redactar e poñer en marcha o correspondente plan de explotación. E xa na terceira fase, procederase á implantación das mellores tecnoloxías existentes coas que optimizar o conxunto de actuacións que interveñen na xestión integral da instalación.

Esquema de funcionamento do vertedoiro
Cunha superficie de 330.000 metros cadrados, o vertedoiro está dividido en tres áreas claramente diferenciadas: a zona selada e restaurada (FASE 1), zona en proceso de selado (FASES 2 e 3) e zona en explotación (FASE 4). Na parte noroeste sitúase a planta de empacado de RU, así como a planta de valorización de biogás, mentres que na zona sur ubícanse as balsas de recollida de lixiviados, de seguridade e pluviais, e as instalacións da planta depuradora.

A planta empacadora, cunha capacidade para procesar, en condicións normais, 375.000 toneladas/ano de RU (podendo chegar ata as 450.000 t/ano), encárgase do empacado dos RU en balas antes da súa disposición no vaso de vertedura, que debe ser sometido a un proceso de impermeabilización con distintas capas illantes para evitar filtracións de lixiviados ao solo.

Chemineas de desgasificación extraen o biogás producido, que é aproveitado nunha planta de valorización a través de 3 motores, que contan cunha potencia total de 6,6 MWe para autoabastecemento e venda de electricidade.

En canto aos lixiviados, o sistema definido para o seu tratamento consiste nunha rede de recollida formada por unha serie de gabias de drenaxe e tres plantas depuradoras por osmose inversa, cunha capacidade actual de tratamento de 410 metros cúbicos ao día. Respecto ás augas pluviais, estas son recollidas pola rede executada a tal fin e conducidas a unha arqueta, na que se unen ao permeado da planta depuradora de osmose, proseguindo ata o punto de vertedura.

Todo este esquema de funcionamento, afectado por diversas deficiencias, precisa ser corrixido e mellorado co fin de garantir unha xestión sostible dos RU, principal obxectivo desta Consellería.

De elemento de apoio a sistema complementario
O vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, situado nun cavorco da cunca de achega do río Lengüelle, comeza a súa actividade no ano 1995, atendendo a catro Concellos (Cerceda e Ordes, na provincia de A Coruña, e Redondela e Vigo, na provincia de Pontevedra). A partir dese momento, o número de entidades locais adscritas a Sogama increméntase de forma significativa, alcanzando as 71 no ano 2000, momento no que se pon en marcha o Complexo Medioambiental, primeiro en período de probas e máis tarde, a mediados de 2002, en plena explotación comercial.

A día de hoxe, e con 294 Concellos adscritos (representando unha produción anual de RU próxima ás 900.000 toneladas), a capacidade do Complexo é insuficiente (cun límite para tratar entre 500.000-550.000 toneladas), e o vertedoiro, concibido orixinariamente como elemento de apoio, pasou a ser un instrumento complementario da actividade do primeiro.

Tanto é así que, dun total de 257.032,58 toneladas procesadas en Areosa no 2004, pasouse a 414.934,72 toneladas no 2008, un 61 por cento máis en tan só catro anos. Isto obedece a unha preocupante falta de planificación que derivou na situación á que hoxe o Goberno da Xunta debe facer fronte para que a instalación poida recuperar a normalidade.

A empresa pública Tragsa encárgase, dende o pasado 1 de xullo, da explotación do vertedoiro, e será así ata que se dispoña de toda a información e datos necesarios para elaborar o prego de condicións que permita sacar a licitación pública a súa xestión.

Paralelo ao plan de acción a implementar no mesmo e, ante a carencia de terreos no propio recinto, Sogama atópase traballando nun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal co fin de proceder á súa ampliación.