29 septiembre 2009

Galicia-Estado : una de conselleiras a dúo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, solicitáronlle ao presidente da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), Roberto Sabrido, que lidere a defensa da continuidade dos actuais límites de control dos índices de toxicidade ante a Unión Europea para a comercialización dos produtos do mar. Roberto Sabrido respostou que “a postura de Galicia é a mesma que a de España e así o trasladaremos á Unión Europea nas próximas reunións”.
Tras unha xuntanza mantida esta mañá co máximo responsable de AESAN, as responsables de Mar e Sanidade trasladáronlle o seu rexeitamento á nova proposta lexislativa da Unión Europea para a modificación do método de análise de biotoxinas en moluscos e fixéronlle entrega do informe elaborado polas dúas Consellerías que acredita os controis vixentes. Ao encontro asistiron tamén a directora xeral de Saúde Pública e Planificación da Xunta de Galicia, Sagrario Pérez, e a directora executiva da AESAN, Ana Troncoso. Trala xuntanza, Pilar Farjas reiterou que “os actuais límites legais para o control da salubridade dos moluscos mariños teñen amosado a súa eficacia na protección da saúde publica”.

Así, o presidente de AESAN e as dúas Administracións perfilaron unha alianza para levar a cabo accións conxuntas a todos os niveis, tanto comunitarios como internacionais, para impedir que a Comisión Europea adopte esta proposta e que siga adiante con proxectos que poden poñer en perigo a viabilidade económica da produción de moluscos.

Galicia é o principal produtor de moluscos dentro da UE, feito que será aproveitado ao longo do primeiro semestre de 2010 no que España exercerá a Presidencia de quenda da Unión Europea, para convencer a outros socios europeos. “Nese momento trataremos de traer a Galicia aos máximos responsables a nivel científico e administrativo para que vexan in situ a eficacia destes controis”, aseguro o presidente de AESAN. Ademais, aseguruou, España conta co Laboratorio de Referencia Comunitario en control de biotoxinas que pode ser de gran axuda neste obxectivo.

Rosa Quintana enxalzou a labor do Instituto Tecnolóxico de Galicia, (INTECMAR) e do seu sistema de detección e alerta de toxinas e elementos contaminantes “recoñecido e valorado positivamente a nivel internacional”. “O programa de control que desenvolve o centro, dependente da Consellería do Mar, garante a seguridade tanto para o consumidor coma para o produtor, coma un certificado de calidade”, aseverou.

A proposta da Unión Europea
O novo sistema de análise propón a substitución do método actual de bioensaio por un método químico que non está suficientemente validado e que pode deixar fóra toxinas que o método de bioensaio si detecta. O procedemento utilizado na súa tramitación non se ten negociado no seo da Organización Mundial de Comercio polo que esta podería rexeitar o cambio de metodoloxía, ao resultar máis onerosa e complicada para algúns paises produtores. Deste xeito, habería que establecer un dobre sistema de análise, para a produción comunitaria e para as importacións, o que suporía maior custo para a produción europea.

Dos 5 límites de biotoxinas que propón rebaixar a EFSA, destacan os das toxinas paralizantes (PSP) que na actualidade están en 800 µg / Kg en base ao que establece o Regulamento (CE) nº 853/2004, Anexo III fronte ao nivel proposto que está en 75 µg / Kg. A este respecto, Mar e Sanidade amosaron o seu desacordo por canto as avaliacións nas que se basean téñense feito en escenarios irreais, sobre consumos moi superiores aos que se rexistran na realidade.