30 septiembre 2009

Arrecia la polémica sobre el tema aeroportuario

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-As portavoces do BNG en

materia de Turismo e de Transportes no Parlamento Galego, Carme Adán e

Teresa Táboas, cualificaron de “errada” a decisión da Xunta de Galiza de

suprimir as axudas ás liñas aéreas de baixo custo e defenderon que “os

aeroportos galegos só poden ser competitivos se se coordinan e

complementan” para captar vós internacionais.

Neste sentido, aseguraron esta mañá en rolda de prensa que “para iso é

necesario que o Goberno Central transpase a Galiza as competencias en

materia aeroportuaria”.

O modelo centralista de AENA perxudica a Galiza

A portavoz do BNG na Comisión de Transportes do Parlamento Galego, Teresa

Táboas, subliñou que “só cunha planificación e coordinación dos tres

aeorportos galegos Galiza poderá competir co aeorporto Sá Carneiro do Porto”.

Así, lembrou que “mentres que Porto ofrece 40 destinos, os tres aeroportos

galegos só ofrecen 23 destinos, e a metade deles a Madrid, debido a

planificación centralista de AENA”.

Esta situación levou a que “mentres os aeroportos galegos pecharon o pasado

ano cun descenso do 22% no número de pasaxeiros, o aeroporto de Sá

Carneiro medrou un 13,7%”.

“Temos que aumentar a oferta de vós a Europa e o resto do mundo e non

repetir vós entre os nosos aeroportos, só se facemos unha planificación

coordinada e especializada da oferta de vós poderemos competir con Porto”,

subliñou a deputada do BNG.

As low cost axudaron a que Galiza incrementase un 30% o turismo

estranxeiro

Pola súa parte, a portavoz do BNG na Comisión de Turismo do Parlamento

Galego, Carme Adán, puxo en dúbida o estudo que utilizou a Consellaría de

Cultura para suprimir as axudas ás compañías de baixo custo, “un estudo que

-precisou- aínda estamos agardando a que a Xunta de Galiza decida facelo

público”.

“Non entedendemos a retirada do apoio cando hai outros estudos que indican

que as low cost axudaron ao incremento do número de turistas”. Neste

sentido, salientou que segundo os datos do Instituto de Estudos Turísticos de

Galiza, dependente da Xunta de Galiza, “no período 2005-2008 o turismo

estranxeiro medrou un 30%, que fundamentalmente utilizou o avión”.

Neste sentido, Carme Adán demandoulle ao Goberno do PP que “teña un

compromiso claro e firme cos tres aeroportos galegos e diga até onde vai

chegar no apoio ás liñas de baixo custo, porque estas liñas moven moitos

viaxeiros que teñen un maior número de pernoctacións e se desprazan por

toda Galiza, independentemente do aeroporto que elixan para chegar”.

Ademais, a deputada do BNG considerou “moi importante que Galiza teña vós

internacionais dende os seus aeroportos, máxime cando o próximo ano é o

Xacobeo 2010”.

Núñez Feijóo cando foi conselleiro nen planificou nen demandou

competencias

Por último, Teresa Táboas criticou que “o PP vaia a remolque e demanda tamén

agora a coordinación dos tres aeroportos, cando en 16 anos de Goberno non

fixeron nada e cando o propio Núñez Feijóo foi conselleiro de Política Territorial

e Transportes nin fixo unha planificación nin demandou as competencias

aeroportuarias a Madrid”.