29 septiembre 2009

Más planes de la Xunta para el fomento del empleo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha diversas medidas e actuacións co fin de fomentar o emprego entre as mulleres galegas e a xuventude, co fin de frear o paro en ambos colectivos, especialmente afectados pola actual crise económica.

O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, compareceu hoxe en comisión parlamentaria, onde lembrou que o Goberno galego porá en marcha un Plan de emprego feminino e un xuvenil, inseridos no Plan autonómico de emprego 2010-2013.

De feito, Hermida sinalou que a “principal” preocupación das familias galegas é o desemprego. Neste sentido, subliñou que a cifra de mulleres paradas elevouse a 117.000, ao tempo que a mocidade “sufre taxas de paro de máis do dobre da taxa xeral, xa preto do 34 por cento”.

Así, no que se refire as actuacións encamiñadas a fomentar o emprego entre as mulleres, o director xeral adiantou que se apoiará a contratación indefinida, que se establecerán axudas ao autoemprego (en profesións con menor índice de emprego feminino, en xacementos de emprego, no medio rural e no medio marítimo) ou que se fomentara a formación de mulleres en actividades de alta demanda e no ámbito das novas tecnoloxías.

Tamén se promoverán as medidas de conciliación laboral, desenvolvendo, entre outras actuacións, fórmulas para unha organización do traballo máis flexible.

En canto ao Plan de emprego xuvenil, fomentarase a contratación por conta allea, estimulando a inserción laboral dos mozos e mozas que remataran os estudos e apoiando os contratos formativos, entre outras medidas. Ademais, apoiarase á xuventude emprendedora e promoveranse os programas mixtos de formación e emprego (escolas obradoiro e casas de oficio), que contan cun elevado nivel de inserción laboral por riba do 70 por cento.