29 septiembre 2009

Xunta anuncia que poranse en marcha un total de 150 obras nas catro provincias e crearanse máis de 1.000 empregos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).Máis do 65% das 150 accións incluídas dentro do Plan extraordinario de mellora de seguridade vial nas estradas galegas están en proceso de contratación, segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que ten previsto que todos os proxectos estean en fase de execución dentro de este ano.

Unha das primeiras medidas adoptadas polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi a redacción dun Plan de Austeridade. Con esta medida o actual Goberno aforrou un total de 144 millóns de euros, dos cales 27 millóns se derivaron á programación de 150 actuacións dentro dun plan extraordinario de mellora de seguridade viaria. Pola súa banda, a Administración Hidráulica de Galicia xestiona un orzamento de 25 millóns de euros para actuacións urxentes de saneamento nas rías.

O Plan anti-crise da Xunta de Galicia mobilizará no seu conxunto uns recursos orzamentarios que ascende a 1.300 millóns de euros para o presente semestre do ano, nos que se inclúen os 144 millóns de euros do Plan de Austeridade.

Dentro do Plan anti-crise, as actuacións en materia de infraestruturas céntranse na axilización, por parte da Xunta, do ritmo de licitación para acadar os 612 millóns de euros ata finais de 2009. Desta partida, 312 millóns de euros correspondentes a proxectos da Consellería de Medio Ambiente, dos que xa se levan contratados máis de 120 millóns de euros, e que suporán a creación de máis de 1.000 postos de traballo na Comunidade.

Os programas de actuación relativos á consellería dirixida por Agustín Hernández xiran en torno a 3 eidos: actuacións de mellora de seguridade vial, infraestruturas hidráulicas e actuacións en materia de vivenda.

Manter a senda
A finalidade da Consellería de Medio Ambiente é manter esta senda de traballo ao longo da lexislatura. Nese senso, vén de presentar o Plan MOVE (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica) que prevé un investimento total de 4.265 millóns de euros ata o 2015, o que suporá pasar dunha taxa real de investimentos en obra pública do 0,9% do PIB actual ao 1,2% no ano 2015. Cómpre precisar que para chegar a ese reto será necesario mobilizar uns recursos económicos que permitan acadar un 36% de inversión procedente de capital privado. Para avanzar nestes obxectivos, as previsións do vindeiro ano contemplarán uns 100 millóns de euros de financiamento extraorzamentario, que se sumarán aos presupostos da Xunta en materia de infraestruturas.

O actual Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, licitou nos cinco primeiros meses de lexislatura máis de 120 millóns de euros, cifra que se elevará a 314 millóns de euros antes de que remate o ano. O volume de licitación multiplica por 11 as cifras do anterior Goberno, xa que durante os seus cinco primeiros meses licitou 11 millóns de euros.