29 septiembre 2009

CCOO denuncia que a Consellería de Educación non puxo en funcionamento o Centro de Educación Especial de Panxón

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Luz López, secretaria xeral do Sindicato Comarcal de Ensino-Vigo de CCOO, denuncia o desinterese e a ineficacia da Consellería de Educación e O.U. respecto da posta en funcionamente do CEE de Panxón para alumnado con trastornos de conduta, toda vez que non hai razóns obxectivas para que centro siga pechado.

Luz pon de manifesto que este centro conta coas instalacións rematadas desde antes da Semana Santa de 2009: cámaras de seguridade, 3 aulas co seu equipamento completo, habitacións con mirillas e peches en portas e ventás, cristais de seguridade…

O 10 de marzo pasado procedeuse, por parte da Consellería, a facer a adscrición obrigatoria do persoal laboral para este centro (persoal de enfermaría, cociña, limpeza, conserxaría, coidadores) coa promesa de escolarizar alí 8 alumnos e alumnas con trastornos de conduta a partir do mes de abril.

Este centro de educación especial foi creado polo Decreto 159/2008, do 17 de xuño de 2008, e autorizada a súa posta en funcionamento pola Orde do 6 de agosto dese mesmo ano. Sen embargo, a día de hoxe o centro de Panxón segue sen funcionar. Segundo afirma a secretaria de Ensino-Vigo de CCOO, isto é un contrasentido e un despilfarro de cartos públicos pois o investimento en infraestruturas está feito desde hai meses, pero falta a outra parte fundamental de calquera centro escolar: o alumnado e mais completar o cadro de persoal.

Os alumnos e alumnas con trastornos de conduta precisan unha atención específica urxente a cargo de persoal cualificado que lles presten os coidados que precisan e se reintegren canto antes á vida escolar ordinaria.

Por iso, CCOO exixe que a Consellería de Educación dote urxentemente o CEE de Panxón co persoal docente e laboral necesario e escolarice nel ao alumnado que o precise.