26 septiembre 2009

Habrá financiación privada para el Plan Move, asegura el conselleiro Hernández

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou hoxe en Vigo, ante un nutrido grupo de empresarios, que os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2010 rexeranse polo rigor na execución e na priorización dos investimentos para atender as necesidades sociais e o gasto produtivo.

O representante do Goberno galego sinalou que o Plan MOVE (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica) prevé un investimento total de 4.265 millóns de euros ata o 2015, o que suporá pasar dunha taxa real de investimentos en obra pública do 0,9% do PIB actual ao 1,2% no ano 2015. Engadiu que para chegar a ese reto será necesario mobilizar uns recursos económicos que permitan acadar un 36% de inversión procedente de capital privado.

Aclarou que para avanzar nestes obxectivos, as previsións do vindeiro ano contemplarán uns 100 millóns de euros de financiamento extraorzamentario, que se sumarán aos presupostos da Xunta en materia de infraestruturas.

Hernández subliñou que o actual Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, licitou nos cinco primeiros meses de lexislatura máis de 120 millóns de euros, cifra que se elevará a 314 millóns de euros antes de que remate o ano. O volume de licitación multiplica por 11 as cifras do anterior Goberno, xa que durante os seus cinco primeiros meses licitou 11 millóns de euros.

Manifestou que a xestión da actual Xunta de Galicia é máis relevante tendo en conta que a Comunidade galega pasa por unha situación de crise, e que ademais ten que xestionar en 2009 uns orzamentos herdados por outro equipo cun grave burato económico. Asegurou que estas eivas non están a afectar aos procesos de licitación de obras, e que dende a Xunta estase a priorizar a execución das mesmas.

Agustín Hernández avanzou estas cifras no transcurso dunha conferencia informativa sobre as medidas adoptadas pola Administración Autonómica en materia de urbanismo e infraestruturas, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financeiro Vigo (CFV) e o Foro de Urbanismo e Infraestruturas. Aclarou que un 65% das accións incluídas dentro do Plan de medidas urxentes están en proceso de contratación ou apunto de contratarse.

Hernández sinalou que ante a situación de crise que atravesa a Comunidade galega o Goberno galego deseñou un plan de medidas urxentes contra a crise dotado con máis de 1.100 millóns de euros e no que se plantexaban 40 medidas de dinamización (fomento do emprego, fomento da produtividade, apoio ás familias e outras medidas sociais e operacións de financiamento e avais co obxecto de mellorar a liquidez das empresas). Recordou que en materia de infraestruturas o Goberno galego axilizou o ritmo de licitación para acadar os 612 millóns de euros ata finais de 2009.

O titular de Medio Ambiente destacou que os programas de actuación relativos ao seu departamento xiran en torno a 3 eidos: estradas, concretamente a actuacións de mellora de seguridade vial, infraestruturas hidráulicas e actuacións en materia de vivenda.


Plan de austeridade
O conselleiro de Medio Ambiente recordou que unha das primeiras medidas adoptadas polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está recollida no Plan de Austeridade. Con esta medida o actual Goberno aforrou un total de 144 millóns de euros, dos cales 27 millóns se derivaron á programación de 140 actuacións dentro dun plan extraordinario de mellora de seguridade viaria para o cal se reservaron 27 millóns de euros. Asemade, a Administración Hidráulica de Galicia xestionou un orzamento de 25 millóns de euros, ao abeiro deste plan.

Plan MOVE
Durante a súa intervención, o conselleiro tamén recordou a recente presentación do Plan MOVE, un proxecto que modificará e mellorará as comunicacións de Galicia. Argumentou que se trata dun programa de infraestruturas ambicioso que concibe Galicia como unha cidade única e que pretende achegar aos galegos entre si e conectalos cos principais eixos de comunicación.

Destacou que o Plan Move, dotado con 4.265 millóns de euros ata 2015, ten como premisas a mobilidade e a accesibilidade para facilitar todas as oportunidades e equiparar aos cidadáns en posibilidades de acceso a elas. Nese senso, puxo en valor as implicacións de política social que ten este proxecto, en tanto en canto achega os cidadáns aos servizos públicos como hospitais, escolas, bibliotecas ou residencias, ao tempo que procura que todos os recunchos da Comunidade galega non sexa inalcanzables para os cidadáns galegos.

Así mesmo, o representante da Xunta destacou que o Plan Move é ao mesmo tempo un plan ambiental, xa que inclúe un programa de integración paisaxística que permite que o progreso conviva coa natureza e que, polo tanto, o desenvolvemento sexa compatible coa sustentabilidade.