25 septiembre 2009

Pontevedra : ciclo de conferencias e cine titulado “Guerra de la Independencia”

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A vicepresidenta da Deputación, Teresa Pedrosa, e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, presentaron un ciclo de conferencias e cine titulado “Guerra de la Independencia”, que se desenvolverá nos próximos días no sexto edificio do Museo.
No tocante ás conferencias, o luns 28 de setembro, ás 20.00 horas, terá lugar a primeira delas, titulada “Seis anos que cambiaron o mundo: Guerra e revolución en España”, impartida por Juan Francisco Fuentes Aragonés, e o xoves 1 de outubro, tamén ás 20.00 horas, terá lugar a segunda, titulada “Ciudades ocupadas, Galicia en Guerra, 1808-1814”, a cargo de Rafael Vallejo Pousada.
O apartado cinematográfico comprende un total de 8 películas que ofrecen unha síntese do tratamento xeral que o cine español do século XX, especialmente o producido durante a etapa franquista, outorgou a este acontecemento histórico, a Guerra da Independencia.
Neste sentido, o sábado 26 de setembro, ás 12.00 h., proxectarase “El abanderado”, de Eusebio Fernández, e ás 19.00 h., “El tambor de Bruch”, de Emisora Films. O domingo 27, ás 12.00 horas, proxectarase “Aventuras de Juan Lucas”, de Rafael Gil, o martes 29, ás 19.00 h., “Agustina de Aragón”, de Juan de Orduña, o mércores 30, ás 19.00 h., “Lola La piconera”, de Luis Lucia, e o venres 2 de outubro, ás 19.00 h., “Venta de Vargas”, de Enrique Cahen, co papel estelar de Lola Flores. O sábado 3, ás 12.00 h., emitirase “La guerrilla”, de Rafael Gil, unha película que nos achega ó mundo dos bandoleiros que loitaron contra o exército invasor. Conclúe este ciclo a película “Sangre de mallo”, de José Luis Garci, que se proxectará en dous pases: o sábado 3 de outubro, ás 19.00 h., e o domingo 4, ás 12.00 h.
Subxéneros como o melodrama, a película de aventuras, o espectáculo musical (coa aparición de estrelas populares) ou biografías onde destaca a figura feminina aparecen perfectamente representados nestas 8 películas seleccionadas, filmes que ilustran distintos feitos acontecidos entre 1808 e 1814.
Esta convocatoria cinematográfica e as conferencias proxectadas forman parte das actividades desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra con motivo da celebración do bicentenario da Guerra, actividades entre as que se encontra o curso da UIMP “La guerra de la Independencia en Galicia”, celebrado no Padroado de Turismo, ou a exposición “Ciudades en Guerra. 1808-1814. Pontevedra en la Guerra de la Independencia”, do propio Museo de Pontevedra.
Pedrosa sinalou que con este ciclo se pretenden acadar dous obxectivos: por una banda, enriquecer todas estas actividades que o Museo está a desenvolver relativas á Guerra da Independencia, e, pola outra, cumprir a expectativa marcada a principios de ano de converter o Museo nun espazo aberto á cidadanía. Neste sentido, fixo referencia ó incremento espectacular do número de visitas neste ano, que chegou ás 120.000, e que colocan ó Museo no centro do mundo cultural da provincia.