25 septiembre 2009

Epístola de Feijóo a los deportistas gallegos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou hoxe a capacidade de “esforzo e o traballo constante” dos deportistas galegos que “está sendo clave”, dixo, para que a nosa comunidade sexa actualmente unha potencia polideportiva recoñecida a nivel nacional e internacional. O mandatario galego recoñeceu que Galicia é hoxe en día, unha terra “de excelencia deportiva”, xa que conta con deportistas que son “toda unha referencia mundial” nas súas disciplinas.

Núñez Feijóo reuniuse hoxe cun conxunto de deportistas galegos que teñen participado en competicións internacionais nos últimos cinco meses e, deles, o mandatario galego puxo en valor o seu traballo constante e a súa traxectoria, “sobre todo, humana”. “Temos as persoas e temos os medios, pero iso non sería nada sen o voso sacrificio e os dos vosos familiares, e sen a vosa capacidade de traballo, tenacidade e superación”, destacou.

Ao fío disto, Feijóo sinalou que “podemos sentirnos orgullosos” de que a formación cara a elite destes destacados nomes do deporte galego tivera lugar en Galicia, “demostrando que en Galicia tamén se pode chegar ben arriba”, puntualizou, e puxo como mostra o Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, “proba palpable de que en Galicia contamos cos mellores medios humanos e materiais para dar a mellor formación aos nosos deportistas”. “Temos as persoas e temos os medios, probablemente insuficientes, pero empezamos a ter medios xa para acadar éxitos, xa logrados e os que nos quedan por acadar”.

O presidente da Xunta saudou a nomes destacados das especialidades do triatlón, do piragüismo, o fútbol, o baloncesto, a vela, o taekwondo ou ciclismo en Galicia que hoxe asistiron ao encontro; algúns deles, medalla de ouro nos últimos xogos olímpicos, e recoñeceu que todos eles teñen “méritos internacionais” e “excelentes resultados”. O deporte, dixo, “é o contrario da casualidade e ningún título se acada por casualidade”, puntualizou o presidente. Por iso, os resultados “non son un éxito puntual”, senón que se veñen fraguando “en moitísimo tempo”.

Agradeceu o traballo, “en moitos casos desinteresado” de monitores e adestradores, dos directivos dos clubes deportivos e, especialmente, das familias que “tratan de inculcar os valores do deporte”. “Levados pola paixón polo deporte, achegan á nosa xuventude as vantaxes da práctica deportiva” e, en determinados casos, son capaces de motivalos e formalos para acadar unha carreira chea de éxitos, observou o presidente. “Representades valores fundamentais para as novas xeracións ás que debemos de inculcar os beneficios da práctica da actividade física e o deporte”, recoñeceu.

O fomento do deporte, obxectivo prioritario do Goberno galego
Na súa intervención, o xefe do Executivo galego reiterou o fomento do deporte e un “obxectivo prioritario” para o seu Goberno que, dixo, “é consciente da necesidade de popularizar a actividade física en toda a sociedade, fundamental para garantir unha vida saudable”.

Feijóo rematou o seu discurso expresando trasladando o recoñecemento “de toda Galicia” polo traballo e o esforzo dos nosos deportistas, que “constitúe un estímulo para nós tamén, porque cada vez que vemos a un galego que sube a un podio nos sentimos orgullosos”, enfatizou. “Se de algo estou convencido é que temos que sentirnos orgullosos de todo o que lograstes; pero, sobre todo, ilusionados por todos os éxitos que ides conseguir”, concluíu.