30 septiembre 2009

As Festas dos Axóuxeres encuentran gran respuesta en este mes de septiembre

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Música, lingua e moita diversión. Estes foron os principais ingredientes das Festas dos Axóuxeres, que durante as fins de semana deste mes de setembro fixeron gozar máis de 3.500 persoas no seu percorrido por todas as cidades galegas. As cidades da Coruña e Ferrol foron os primeiros escenarios deste programa que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que xorde como unha actividade de dinamización da lingua galega dirixida aos bebés e as súas familias. Nas seguintes fins de semana tocoulles a quenda a Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo, para rematar en Santiago de Compostela o pasado sábado.

As Festas dos Axóuxeres 2009 achegaron os bebés e as súas familias a unha divertida viaxe da man de Eli e mais de Totó, un bonequiño azul co que foron percorrendo a terra, o mar, o aire e incluso o sol cun único obxectivo: atopar a Pope, o grande seu grande amigo, do que foi dando noticia o señor Carteiro. No seu percorrido ata atopar a Pope, os máis pequenos da casa tiveron ocasión de ver os peixes, os vermes, as bolboretas e os marcianos, ademais de gozaron coas cancións e os xogos que amenizaron a viaxe.

Moitos dos participantes compartiron posteriormente as súas opinións sobre as Festas dos Axóuxeres na web de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega/axouxeres), onde tamén se poden descargar as cancións e outros materiais para darlle continuidade na casa á actividade.

As Festas dan paso aos Encontros dos Axóuxeres
O vindeiro mes de outubro, as Festas dos Axóuxeres derivarán nun formato máis reducido e percorrerán concellos máis pequenos. Trátase dos Encontros dos Axóuxeres que, a diferenza das festas, se celebran en espazos pechados –centros socioculturais, casas do concello, etc.– e para un público menos amplo, estimado arredor de 70 persoas en cada sesión. Durante os vindeiros meses de outubro e novembro, os Encontros dos Axóuxeres percorrerán as localidades de Xinzo de Limia, Celanova, Lalín, Valga, O Grove, Moaña, Arzúa, Ames, A Laracha, Castro de Rei, Barreiros e mais Cariño. A partir do próximo día 7, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo porá a disposición das familias un teléfono para que os que desexen asistir aos Encontros dos Axóuxeres poidan facer a súa reserva, que se atenderá por estrita orde de inscrición.

As primeiras idades, unha prioridade na actuación dinamizadora
A Secretaría Xeral de Política Lingüística outórgalle unha gran prioridade ás franxas de idade máis novas na planificación da súa actividade de dinamización social da lingua. Ademais da programación das Festas e os Encontros dos Axóuxeres, destinados aos bebés, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten en marcha o programa Bocaberta, dirixido ás idades de 3 a 18 anos.