30 septiembre 2009

Xunta : Industria apoyará la creación de plantas de biogás

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), consciente de que as plantas de biogás constitúen unha alternativa eficiente para a valorización enerxética dos residuos agrogandeiros e tendo en conta o potencial deste sector en Galicia, está a apoiar as iniciativas que xurdan tratando de aproveitar este tipo de restos orgánicos.

Neste marco enmárcase a visita realizada polo director do Inega, Eliseo Diéguez, acompañado polo xefe de departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, Emérito Freire, á planta de produción de biogás “Granxa San Ramón”, emprazada no municipio valenciano de Requena. Trátase dunha explotación de gando vacún con 2.000 cabezas, cuxa actividade principal é a produción de leite, e que pon en valor as 35.000 toneladas de esterco que xera anualmente mediante a obtención de biogás (mestura gaseosa que contén metano) para o seu uso agrícola.

O principio básico de funcionamento dunha planta de biogás consiste en que, en ausencia de osíxeno, as bacterias descompoñen a materia orgánica do esterco obténdose un gas cun alto poder calorífico que se introduce nun motor de combustión para xerar electricidade e mesmo calor. Deste xeito ao mesmo tempo que se consegue a valorización enerxética dos restos agrogandeiros, lógrase a súa transformación noutros residuos non contaminantes, polo a produción de biogás constitúe, ademais, unha solución idónea desde o punto de vista medioambiental.

A xeración anual de biogás da planta de Requena, que destaca pola súa aposta polas enerxías renovables e polo coidado do medio ambiente, equivale a 850 toneladas de petróleo e a 4.000.000 kWhe/ano (electricidade verde). Así mesmo permite obter enerxía eléctrica e térmica equivalente para 307 vivendas, ao mesmo tempo que mediante este proceso se consegue unha redución de emisión de CO2 de 2.808 toneladas.

O obxectivo da visita á explotación valenciana foi a de “comprobar o funcionamento e o aproveitamento enerxético desta produción gandeira, unha iniciativa innovadora de cara a acadar a excelencia na xestión medioambiental nas actividades gandeiras, a fin de poñer en práctica este sistema mediante o desenvolvemento de proxectos similares na nosa comunidade”, segundo afirma o director do Inega.

Desde o Inega subvencionáronse ata o momento catro proxectos de biogás, actualmente en curso, que suman unha potencia eléctrica de 2 megavatios (MW).

Proximamente o Inega poñerá en marcha unha liña de axudas para o fomento das enerxías renovables, na que se incluirá unha partida orzamentaria destinada a financiar as plantas de biogás de potencias non superiores aos 500 quilovatios (kw).