25 septiembre 2009

Quintana-Rosa- sigue con su guerra contra el furtivismo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, adiantou hoxe no Parlamento que o seu departamento intensificará os controis contra o furtivismo de maneira específica en áreas coma a ría do Burgo e Ferrol. Segundo a titular do Mar, unha vez avaliados os resultados acadados ata o momento dentro do Plan de Loita contra o Furtivismo posto en marcha por esta Consellería en xuño, compre redefinir obxectivos “e tirar con énfase e de maneira específica naqueles puntos negros do furtivismo galego”.

A conselleira lembrou que unha parte primordial da loita contra o furtivismo reside en apoiar aos responsables dos colectivos e asociacións profesionais de mariñeiros e mariscadores e garantiu que dende a Consellería do Mar “non se van escatimar esforzos nesta loita, sexan de xestión, de supervisión ou directamente no mar”. Salientou, así mesmo, que un dos principais obxectivos do seu equipo é conseguir que o furtivismo se tipifique coma delito e recordou que as Consellerías do Mar e de Medio Rural teñen en marcha un grupo de traballo conxunto “para que se recollan de maneira efectiva e decidida” os delitos contra o medio ambiente.

Rosa Quintana sinalou que o actual equipo da Consellería do Mar atopouse cunha situación herdada na que o fenómeno do furtivismo se tiña agravado considerablemente e era preciso actuar “rápida e decididamente” para defender ao 99% dos profesionais que se adecúan ás normas “e que defenden o seu futuro”. De aí a decisión de poñer en marcha un Plan contra o Furtivismo poñendo en común os esforzos de Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, Gardacostas e persoal das Confrarías para contribuír non só a atallar a extracción ilegal de especies mariñas, senón tamén a controlar a comercialización irregular destas especies.

Segundo os datos aportados na súa intervención, no tempo que leva operativo o Plan de Loita contra o Furtivismo lévanse efectuado un total de 136 servizos conxuntos entre as distintas forzas de control e vixilancia. Nestes case tres meses téñense comisado máis de 10.230 aparellos de pesca e retirado da liña comercial e extractiva ilegal máis de 20.600 quilos de produtos do mar.