29 septiembre 2009

Lobeira denuncia retrasos en pagos a cofradías por parte de la Consellería del Mar

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz do BNG na
Comisión de Pesca do Parlamento Galego, Bieito Lobeira, ven de presentar
unha iniciativa na que lle demanda á Consellaría do Mar que lle pague ás
confrarías de pescadores as axudas que lles debe para pagar os seus servizos
de vixilancia. Denuncia que a Xunta acumula até 9 meses de retraso no
pagamento destas axudas.
O deputado nacionalista alerta que que “por razóns de diverso tipo, moitas das
confrarías do noso país están a atravesar unha situación económica difícil que
pon en risco a pura viabilidade destes pósitos e, en moitos casos, pode chegar
a degradar ou eliminar parte dos servizos que viñan ofrecendo ao sector
pesqueiro e marisqueiro”.
En concreto, lembra que “tradicionalmente, a Xunta de Galiza ven apoiando, a
gtravés de convenios e/ou subvencións ás confrarías e outras entidades
asociativas do sector, a contratación de vixilantes nas áreas explotadas polas
correspondentes confrarías” co obxectivo de loitar contra o furtivismo.
Até 9 meses de atraso no pagamento das axudas da Consellaría do Mar
Neste sentido, Bieito Lobeira a mosa a “preocupación do BNG polas
importantes cantidades económicas de axudas xa concedidas pero non
percibidas que a Consellaría do Mar adebeda a moitos destes pósitos”.
Denuncia que “hai confrarías que levan, nunha situación económica
absolutamente límite, até nove meses de atraso na percepción destas axudas”.
A este respeito, o parlamentario nacionalista lembra que os servizos de
vixilancia das confrarías “veñen suplindo na práctica as limitacións do Servizo
de Gardacostas de Galiza”. Até 174 vixilantes e 68 embarcacións conforman os
efectivos dependentes das confrarías e destinados aos cometidos antes
descritos.
“É evidente -advirte- que a desaparición destes efectivos, tendo en conta a
actual debilidade do Servizo de Gardacostas de Galiza, provocaría unha
situación insustentábel no referido á protección dos recursos pesqueiros e
marisqueiros do litoral galego”.
“É necesario darlle establidade aos servizos de vixilancia das
confrarías”
Ante esta situación, o deputado do BNG pregúntalle á Consellaría do Mar
cando ten previsto pagarlles ás confrarías as axudas concedidas en materia de
vixilancia e solicita que informe sobre as razóns dos atrasos nos pagamentos.
Ademais, pregúntalle á Consellaría do Mar se ten previsto algún mecanismo
que estabilize no futuro os servizos de vixilancia dependentes das confrarías.
Por último, Bieito Lobeira solicítalle á administración galega que explique as
medidas que vai adoptar para garantir a viabilidade económica das confrarías
con maiores problemas económicos.