VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a aprobar axudas económicas a armadores e mariñeiros afectados pola decisión do Ministerio de Medio Mariño de realizar amarres forzosos de tres meses de duración. Davila tamén quer que o Goberno proceda ao pago desas axudas nos periodos nos que se levan a cabo os paros a fin de facilitar un sustento económico aos afectados.
A deputada do BNG explica na súa iniciativa que na serie de medidas aprobadas pola Comisión Europea en xullo deste ano para facer fronte á crise polo ascenso dos prezos dos combustíbeis no sector pesqueiro, non se contempla que as paralizacións temporais subvencionadas de até tres meses teñan que ser obrigatorias.
Porén, o Ministerio de Medio Rural e Mariño optou “por unha liña política máis restrictiva, e aprobou a Orde ARM/3423/2008, de 27 de novembro, pola que se fixa para 2008 e 2009 un cese temporal da actividade pesqueira dos buques que operan nos límites da Comisión de Pesca do Atlántico Nordeste. Así, obrígase á frota do Gran Sol a facer amarres forzosos de tres meses de duración até o 31 de decembro de 2009”, sinala Davila.
Unha medida, especifica a deputada nacionalista, que tamén estendeu ás modalidades de arrastre de fondo, palangre de fondo e volanta.
A parlamentar do BNG xa se dirixira nunha recente sesión plenaria á Ministra do ramo, Elena Espinosa, para preguntarlle acerca desta decisión e polas posíbeis axudas a adoptar. A Ministra só sinalaba que o “Fondo Europeo de Pesca posibilita financiar axudas aos mariñeiros e armadores pola paralización temporal das súa actividades”, pero non ía máis alá.
Esa é a razón pola que a deputada nacionalista decide presentar esta proposición non de lei porque “é importante que o Ministerio concrete como se van arbitrar ditas axudas xa que a Orde non recolle nada”.