27 diciembre 2008

Sabe bien que en lo sustancial nada va a cambiar, pero...Touriño da a entender que los socialistas aún tienen que tocar la flauta en lo del eólico

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, garantiu hoxe que “sempre prevalecerá o interese xeral de Galicia” no procedemento de adxudicación dos parques eólicos, un proceso que, subliñou, culminou onte a súa fase inicial e no que “todos e cada un dos proxectos” necesitarán ser autorizados polo Consello da Xunta. “Ese final é colexiado e pertence a decisión ao Consello da Xunta, previos todos os trámites que hai que realizar procesalmente”, manifestou o titular do Executivo autonómico, quen engadiu que, “en calquera caso a garantía de cumprimento da normativa e de transparencia é plena e a podo garantir como presidente”.

En declaracións aos medios realizadas esta mañá en Vigo, o titular do Executivo autonómico asegurou que onte se cubriu “unha primeira fase, a fase inicial do procedemento”, na que a Consellería de Innovación e Industria da Xunta, competente na materia nesa etapa, e de acordo co Decreto do Goberno galego, “vén de realizar a selección dos anteproxectos presentados”.

Pérez Touriño resaltou que agora entramos na segunda fase do proxecto, que é “na que realmente se procede á autorización ou non da instalación dos proxectos empresariais presentados e seleccionados”. “Entramos agora na fase definitiva de autorización, como corresponde á normativa e á lexislación vixente”, destacou, para explicar a continuación que agora todos os proxectos seleccionados deben ser tramitados como “plans e proxectos sectoriais” e que deben contar “necesariamente” cos informes preceptivos de Patrimonio (Consellería de Cultura), de Urbanismo e Territorio (Consellería de Política Territorial) e de Medio Ambiente, (Consellería de Medio Ambiente). Ademais, o presidente galego referiuse ao requisito de que eses plans sectoriais conten co informe preceptivo da Consellería de Economía e Facenda, ao respecto “das tomas de participación da Xunta de Galicia, das variacións patrimoniais e da viabilidade económica dos proxectos presentados”. Segundo explicou, será entón cando cada proxecto sectorial sexa sometido á autorización do Consello da Xunta.

En definitiva, manifestou o máximo mandatario autonómico, que “estamos ante un procedemento regrado, como non podía ser doutra maneira nun Estado de Dereito e nun Goberno democrático, onde todo esa fase de informes culminará necesariamente coa aprobación ou non proxecto a proxecto por parte do Consello da Xunta”. Nese sentido, abondou en que, “de acordo co procedemento previsto e á regra democrática, aínda non puideron ser evacuados os informes patrimoniais, urbanísticos, territoriais e económicos, e mentres iso non suceda, eses proxectos non poderán pasar a ser examinados polo Consello e no seu caso aprobados ou non con carácter definitivo”.

Ademais, o presidente galego resaltou que os proxectos seleccionados cunha potencia superior aos 200 megavatios, e que están fóra do proxecto sectorial, “necesariamente e inequivocamente deben ser incluídos dentro dun novo plan sectorial que á súa vez ten que ser aprobado no seu día polo Consello da Xunta e que require de todos os trámites propios dun plan sectorial do Goberno”.

A preguntas dos xornalistas, Emilio Pérez Touriño contrapuxo o procedemento en marcha co que acontecía baixo goberno do PP, cando, dixo, “este tipo de cuestións se decidía a dedo”, e se preguntou pola “lexitimidade” de Alberto Núñez Feijóo para cuestionar o actual concurso. Para o presidente galego, Feijóo “pretence ao pasado, un pasado que abandonou Galicia, un pasado que espero e estou seguro que non vai volver e que é o pasado do dixitalismo, da discriminación e da falta de procedemento”.