VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, remarcou hoxe que o Goberno que preside foi o primeiro de España en poñer en marcha medidas “pioneiras” para facer fronte á crise económica, xa no mes de xaneiro cando, dixo, “xa se percibían os primeiros efectos”. “A Xunta de Galicia foi quen de anticipar, o primeiro Goberno de España que, no mes de xaneiro, cando xa se percibían os primeiros efectos económicos, puxo en marcha un paquete de medidas”. Unhas medidas que, segundo lembrou, se aplicaron ao longo de todo o ano e se seguen a aplicar, encamiñadas en tres direccións: o impulso da licitación de obra pública; facilidades de acceso ao financiamento para as empresas; e a protección social e apoio ao emprego.
“Puxemos en marcha elementos novidosos, tan novidosos que fomos os primeiros en poñelos en España”, afirmou, apuntando como exemplo as iniciativas de apoio ao circulante e á capitalización das pequenas e medianas empresas ou o seguro de pagos protexido. Así mesmo, lembrou que tamén foron tomadas todas as medidas no marco das mesas de diálogo e de concertación social, derivadas do Acordo pola competitividade, asinado o pasado mes de xullo.
Un 34 por cento máis de licitación que en 2007
Respecto ao primeiro dos eixes de actuación, o de impulso á licitación de obra pública, Emilio Pérez Touriño avanzou que, a data 30 de decembro, foron aprobadas e licitadas obras por valor de 1.598 millóns de euros, o que significa, explicou, “que superamos a cifra inicialmente prevista que nos marcamos, cun obxectivo moi ambicioso no programa de xaneiro, licitando un 34 por cento máis que no ano 2007”.
O presidente galego referiuse, en particular, aos case 1.000 millóns de euros (990 millóns) licitados en materia de infraestruturas de transporte, superando en case un 57 por cento os compromisos fixados en xaneiro para o conxunto do ano.
En relación ás medidas no sector de vivenda e solo, Pérez Touriño sinalou que se ten mobilizado chan para máis de 4.000 vivendas, concretando que 3.567 vivendas de protección autonómica xa foron entregadas aos seus demandantes; que 690 vivendas de promoción pública foron licitadas nas áreas próximas ás principais cidades, onde existe unha maior demanda; e que se teñen mobilizado máis de 31.000 axudas para actuacións de rehabilitación, das que máis de 2.000 son rehabilitacións integrais de vivenda.
Paliar as restricións de liquidez
“Paliar as restricións de liquidez do noso tecido empresarial foi o outro elemento motor da nosa preocupación e o segue a ser”, engadiu o máximo mandatario autonómico salientando que se mobilizaron todos os instrumentos posibles “na nosa sociedade actual e que están ao alcance da Xunta de Galicia”, achegando financiamento a través de préstamos, de avais, de capital risco e de subvencións.
“Reforzamos o capital das sociedades da garantía recíproca, cunha achega de 10 millóns de euros e elevamos, nos orzamentos do 2009, a liña de avais do Igape a 500 millóns de euros”, explicou. Na mesma indicou que o importe total de préstamos asinados no ano 2008 ascende a 934 millóns de euros.
O presidente da Xunta avanzou, ademais, que o importe total do financiamento achegado a día 30 de decembro se eleva aos 750 millóns de euros, “unha cifra altísima”, posto que supera nun 5 por cento o obxectivo establecido.
“Isto supón apoiar investimentos por un valor de 1.800 millóns de euros”, aseverou, indicando que se puxeron enriba da mesa 750 millóns de euros dos cales algo máis de 500 (508) foron en forma de préstamos; 62 en avais; 75 millóns de euros en operacións de capital risco; e tan só 105 millóns en subvencións.
Na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta, Pérez Touriño lembrou, ademais, que no pasado mes de outubro se puxo en marcha unha nova liña do Igape para o apoio ao capital circulante, refinanciamento de pasivos e capitalización das empresas, en convenio coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia.
“A data de hoxe levamos aprobadas un total de 142 operacións, desa liña subscrita coas entidades financeiras”, concluíu ao respecto o presidente galego quen enmarcou neste contexto os acordos autorizados hoxe no Consello da Xunta para operacións de avais a empresas por importe de 24 millóns de euros, fundamentalmente, do sector da automoción, téxtil e agroalimentario, así como outras dúas do sector da lousa e as artes gráficas.
No sector da automoción trátase das compañías Viza Automoción, Mgi Coutier e Grupo Copo, que son fabricantes de compoñentes, provedores de PSA Peugeot Citroen; no sector téxtil as empresas Lanera Galicia e Montoto; no caso do sector agroalimentario Conserveras y elaborados Guau e Feiraco; e por último a empresa louseira Industrias Pizarreras García Aguado e de Gráficas del Noroeste.
Medidas de protección social e apoio ao emprego
Respecto ao terceiro eixe de actuación, de medidas de protección social e apoio ao emprego, Pérez Touriño destacou que o pasado 23 de decembro se asinou o convenio regulador do seguro de pagos protexido coas sete principais entidades financeiras que operan en Galicia.
Xunto con isto, avanzou que está en marcha a contratación de persoas para realizar actuacións de mellora medioambiental (565 persoas); de conservación e mantemento da rede autonómica de estradas (225 persoas); e actuacións no medio rural (600 persoas).
“Hai máis de 8.000 beneficiarios das medidas de protección e apoio ao emprego”, engadiu, explicando que no Programa Laxa (sector de extracción dos minerais), hai 85 solicitantes; no Programa Reorienta para desempregados hai máis de 800 beneficiarios; e do Plan de automoción hai xa 84 convenios asinados coas empresas do sector que benefician a máis de 7.000 traballadores (en concreto, 7.189).
Outros acordos
O Consello da Xunta de hoxe tamén aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para investir máis de 24 millóns na construción de infraestruturas e equipamentos ambientais nas zonas da Rede Natura 2000. Trátase, en palabras do presidente galego, de actuacións de construción de centros de uso público, investigación, recuperación de fauna e de conservación e recuperación de hábitat no conxunto da rede natura. Segundo adiantou, o programa permitirá construír os centros de interpretación da reserva da biosfera no río Eo, do Parque Natural das Fragas do Eume e de futuros espazos protexidos como Ancares, Courel, Macizo Central e Pena Trevinca.
Así mesmo, segundo resaltou Pérez Touriño, o Goberno galego acordou hoxe declarar o Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural. “A próxima publicación no DOG marcará a entrada en vigor, efectiva, desa declaración”, subliñou o titular da Xunta explicando que a consideración de Ben de Interese Cultural é “o maior grao de protección previsto na nosa lei e implica a obriga de conservación do inmoble, solicitar autorización previa para calquera intervención e abrir ao público un mínimo de catro días ao mes para que sexa posible coñecer, visitar e divulgar ese ben”.