VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, vén de editar unha Guía de Diagnóstico e Tratamento de Atención Primaria e Especializada, sobre o estado actual da enfermidade celíaca, da que son autoras Pilar Pavón Belinchón e Lydia Monasterio Corral, ámbalas dúas doutoras da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; xunto coa doutora Begoña Guillán Pavón, do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital de Burela; así como a enfermeira do centro de saúde de Vite, Teresa García Fernández.
A enfermidade celíaca defínese como unha intolerancia permanente á gliadina do trigo e a outras proteínas afíns, presentes noutros cereais (centeo, cebada, triticale, espelta ou kamut), que produce unha atrofia severa das vilosidades intestinais en persoas predispostas xeneticamente a padecela. Como consecuencia desta alteración, xérase un defecto de utilización dos macro e micro nutrientes no trato dixestivo, cuxa repercusión clínica e funcional vai depender da idade e da situación fisiopatolóxica do paciente.
Esta patoloxía é a enfermidade crónica intestinal máis frecuente nas nenas e nenos. A súa prevaleza aumentou nestes últimos anos e estímase, actualmente, entre 1/100-1/150 da poboación xeral. Este incremento explicaríase pola utilización de novos métodos diagnósticos máis sensibles e específicos que detectan formas clínicas atípicas ou con pouca sintomatoloxía, e que antes pasaban desapercibidas.
A Dirección Xeral de Saúde Pública subliña que o diagnóstico precoz e o tratamento axeitado e único, que é a supresión do glute da dieta, son fundamentais para evitar as complicacións graves desta patoloxía, como poden ser as enfermidades autoinmunes, a infertilidade, ou o linfoma intestinal.
Por todo o anterior, é necesario que o médico ou pediatra de Atención Primaria coñeza a enfermidade e teña a posibilidade de solicitar as probas de laboratorio necesarias para orientar o diagnóstico, que debe confirmarse por biopsia intestinal.
Aínda que a Enfermidade Celíaca se pode presentar a calquera idade despois da introdución do glute, é máis frecuente que se produzan síntomas clínicos evidentes antes dos cinco anos, e durante a cuarta ou quinta década da vida. É máis habitual en nenas que en nenos.
Tratamento nutricional e información
O tratamento básico da enfermidade celíaca é a dieta sen glute, é dicir sen fariñas de trigo, centeo, cebada, triticale, espelta, kamut e todos os seus derivados, incluídos os amidóns. Unha vez confirmado o diagnóstico, a dieta debe manterse durante toda a vida.
Para conseguir unha dieta sen glute é necesario recorrer a un consumo preferente de alimentos naturais: carnes, ovos, leite de vaca e derivados, peixe, legumes, froitas, verduras, hortalizas e cereais sen glute como millo e arroz, e debe achegar os nutrientes necesarios para o paciente segundo a súa idade e a etapa evolutiva da enfermidade. Recordar, por tanto, que a dieta sen glute é o único tratamento do paciente celíaco.
É función dos pais ou nais informar ao seu fillo ou filla o antes posible despois do diagnóstico, e adaptar a información á idade do neno ou nena. Todas e todos os da casa, maiores e menores, deben coñecer a situación. Non se deben esconder os alimentos que conteñen glute, senón ensinar ao neno ou nena a dicir non a ese alimento e a preguntar sempre ante un novo alimento novo ou dubidoso. Debe enfrontarse ao feito de que hai alimentos que el ou ela non pode tomar porque lle prexudican.
Así mesmo, as nais e os pais deben alertar ao profesorado do problema do seu fillo ou filla, proporcionándolles a información axeitada sobre os alimentos que o rapaz ou rapaza non pode tomar, de tal maneira que se estableza unha colaboración entre ámbolos dous. Pola súa banda, o profesorado informará aos compañeiros e compañeiras da nena ou neno celíaco para conseguir unha integración normal deste dentro do centro e evitar que alguén, por descoñecemento, lle poida dar algún alimento que o neno ou nena non poida tomar.
O enfermo celíaco pode e debe facer unha vida normal, non se considerará diferente ao resto da familia e faráselle comprender que a súa enfermidade deixa de ser un problema unha vez diagnosticada e tratada axeitadamente.
Destacada labor das asociacións e estudos analíticos
A Consellería de Sanidade quere destacar o importante labor que realiza a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), asesorando sobre a dieta sen glute e o seu manexo. Ademais, son de grande axuda para superar os problemas sociais, profesionais e psicolóxicos que leva consigo o mantemento estrito da dieta de por vida.
Sinalar, por último, que a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, leva a cabo estudos analíticos precisos para verificar o contido exacto de glute dos distintos produtos preparados para celíacos e distribuídos no mercado. Así, o laboratorio de Saúde Pública da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade en Lugo realiza estes controis sobre os alimentos que reciben da Asociación Galega de Celíacos. Esta colaboración é froito dun convenio de colaboración que pretende verificar que os produtos destinados aos celíacos e celíacas sexan completamente seguro