18 diciembre 2008

Convenio entre la Xunta
y la Fundación Roxelio Groba

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o presidente da Fundación Roxelio Groba, Roxelio Groba, asinaron esta mañá en Santiago de Compostela un convenio que permitirá impulsar a dixitalización de cada unha das composicións realizadas por un dos músicos máis importantes da historia de Galiza. O convenio, financiado pola Fundación Cidade da Cultura, supón un investimento de 56.000 euros.

A decisión de contribuír a este proceso de dixitalización, iniciado xa pola Fundación e que se completará entre este ano e o vindeiro, vén dada pola relevancia para a cultura galega da obra do mestre Roxelio Groba. O obxectivo é asegurar a súa conservación, facilitar o seu acceso e estudo e difundir á sociedade este patrimonio.

As 534 composicións a dixitalizar están recollidas no catálogo presentando pola Fundación Roxelio Groba a principios deste ano e inclúen composicións clave da historia musical galega como a ópera "Floralba", inspirada nunha lenda popular de Ponteareas, as cantatas "Xacobea" e "Un pobo sen destino" ou o Concerto "Confidencias", ademais de importantes composicións de cámara ou para bandas e coros.

Estes fondos bibliográficos e documentais, unha vez convertidos ao formato dixital, pasarán a formar parte dos fondos dixitais da propia Fundación Roxelio Groba e tamén do Arquivo Nacional e da Biblioteca Nacional de Galicia. Este patrimonio musical poderá ser consultado por toda a sociedade, e en especial polos investigadores interesados no seu estudo, a través de internet.

O convenio coa Fundación Roxelio Groba forma parte do Programa de Dixitalización dos Fondos Bibliográficos e Documentais de Galicia que ten como obxectivo incorporar a cultura galega á sociedade do coñecemento. Este plan consiste na dixitalización dos principais documentos culturais, sexan escritos, sonoros ou audiovisuais. Desta maneira, tanto o Arquivo Nacional como a Biblioteca Nacional están a colaborar coas principais institucións culturais nun proceso de modernización neste eido que ten un carácter estratéxico para o país.