VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- “Vai haber debate durante a campaña electoral; vai haber un debate entre os líderes das tres forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia; e haberao como o ten que haber, nos termos que estableza a xunta electoral”. Así o avanzou esta mañá o titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, aseverando que esta “é a miña palabra e o meu compromiso en beneficio da democracia e da cidadanía, en definitiva, en beneficio do país”.
O presidente da Xunta remarcou que o Goberno que preside está a cambiar moitas cousas e que “hai cousas que non volverán suceder”. “As cousas van ser distintas” porque “imos restablecer o dereito dos cidadáns ao debate público entre os principais candidatos das eleccións”, engadiu.
Na mesma liña subliñou que os debates “son un dereito dos cidadáns” e “non un instrumento táctico dos partidos políticos”. “Non deben ser unha arma arroxadiza. Son o voso dereito”, engadiu lembrando que el, cando estaba na oposición, nunca tivo a oportunidade de participar nun debate nos anteriores comicios galegos “porque quen gobernaba daquela, o PP, o evitou coidadosamente”. “Pero iso non volverá suceder”, reiterou porque nesta ocasión haberá debate público entre os principais candidatos das eleccións.
O presidente da Xunta realizou estas declaracións esta mañá en Santiago, durante o acto conmemorativo do XXV aniversario de Unións Agrarias.