27 diciembre 2008

Consciente de lo que se juega en marzo, el mismo Touriño que prometio -y no cumplió- lo de la consellería de Pesca...no sale de Vigo

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou hoxe que coa Escola Superior de Arte Dramática, o Goberno autonómico está a construír en Vigo “un centro de referencia e excelencia” que terá rematada a súa primeira fase entre os meses de marzo e abril do vindeiro ano. Lembrou que el mesmo tivo oportunidade de poñer a primeira pedra desta construción o pasado febreiro e comprobou hoxe como marcha “nun estado moi avanzado de execución, dentro de prazos e a bo ritmo”.

Durante a visita que esta mañá realizou ás obras do centro, Pérez Touriño destacou que se tratará “dun centro de referencia, de excelencia, que con toda seguridade será a mellor escola de arte dramática de toda España cando estea concluído”. Nesa liña, informou de que o Goberno galego inviste “algo máis de 6 millóns de euros nesta primeira gran fase” da Escola, que posteriormente será ampliada, e apuntou que “debe ter un alto nivel de cualificación nos seus recursos humanos, na súa capacidade de formación de profesionais da arte dramática, na súa capacidade de investigación e innovación e de inserimento laboral”. En todos estes aspectos, engadiu, “é onde queremos que esta escola traballe como centro de referencia de toda Galicia, e nun ámbito de proxección máis alá das fronteiras da nosa Comunidade”.

O máximo mandatario autonómico sinalou ademais que esta Escola vai ofrecer estudos de grao e de posgrao, polo que puxo en valor a “aposta moi potente” que a Xunta realiza no marco do Espazo Europeo de Educación Superior, facendo que os estudos artísticos adquiran o valor propio dos de estudos superiores universitarios.

Repaso polas principais actuacións do Goberno galego en Vigo
O titular da Xunta, xunto coa conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e co alcalde de Vigo, Abel Caballero, realizou hoxe un repaso polas principais actuacións que o Goberno autonómico ten en marcha na cidade olívica. Nese marco, Pérez Touriño puxo en valor, dentro dos equipamentos culturais, o futuro novo auditorio de Vigo, celebrando “o inicio por fin das obras do Auditorio”, do que salientou o magnífico emprazamento e deseño.

Xunto con isto, o presidente galego resaltou a importancia de infraestruturas en marcha, como a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), da que se vén de sacar adiante o anteproxecto e na que, dixo, estamos na perspectiva de poder cumprir os prazos e de que no ano 2009 iniciemos as obras da maior depuradora de Galicia, en termos de investimento, de servizo e de capacidade de depuración”.

Nas declaracións aos medios, Pérez Touriño subliñou tamén a relevancia do proxecto do Novo Hospital de Vigo, do que apuntou que é a maior infraestrutura hospitalaria de Galicia con máis de, 1400 camas, e un investimento que superará os 370 millóns de euros. A este respecto, avanzou que nos primeiros meses de 2009 ““procederemos á súa licitación e a partir de aí se pon en marcha a fase de adxudicación, e polo tanto, a correspondente obra”.

O máximo mandatario autonómico referiuse tamén ás importantes obras urbanas de humanización que se están a levar a cabo no contorno da zona do Calvario, que hoxe visitou, e na Avenida da Florida, onde se están a investir preto de 8 millóns de euros. Ademais, anunciou que en xaneiro visitará de novo Vigo para presentar o novo túnel de Beiramar, “unha gran actuación, moi importante para a cidade”.

Posta en marcha da AECT e da Cidade do Mar
Finalmente, o presidente galego fixo referencia a dúas actuacións “moi queridas” e nas que fixo unha forte aposta como mandatario autonómico, que recibirán un gran impulso á volta de Nadal. Trátase da posta en marcha da Agrupación Europea de Cooperación Territorial, co nomeamento do seu equipo directivo, e que significará que bote a andar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Ademais, Touriño destacou que en xaneiro se porá en marcha o proxecto “importante para Galicia e de alcance europeo da Cidade do Mar”, que chegará ao Consello da Xunta. A sinatura dos convenios correspondentes, dixo o presidente galego, suporá a “culminación de todo o traballo, toda a cooperación coa Alcaldía, a Zona Franca, o Goberno de España e a propia Xunta de Galicia”.