MADRID (MORRAZO-tribuna).- A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, manifestou hoxe no Pleno do Congreso a oposición do BNG á supresión do Imposto de Patrimonio xa que o mecanismo elexido para eliminar este imposto “supón un fraude de lei por obviar o papel que desempeñan as Comunidades Autónomas na modificación dun tributo que teñen cedido no actual sistema de financiamento autonómico”.
O Pleno da Cámara debatía e votaba as emendas do Senado ao proxecto de lei polo que se suprime o gravamen do Imposto de Patrimonio, xeneralízase o sistema de devolución mensual do Imposto sobre o Valor Engadido, e se introducen outras modificacións na normativa tributaria. O BNG opónse ao artigo 3 desta lei que suprime este imposto, e abstívose no resto das emendas introducidas no Senado.
Óbviase o papel das CC.AA
O BNG considera “grave a maneira mediante a que se suprime este imposto, que se fai através da modificación de determinados artigos da Lei 19/1991”. Explican os nacionalistas galegos que en realidade se “está a aplicar unha bonificación do 100% na cuantía cota íntegra do imposto, e deste xeito se evita modificar a Lei 21/2001, de 27 de decembro, que regula as medidas fiscais e administrativas do sistema de financiamento das CC.AA de réxime común, xa que calquer cambio desta lei debe ser obxecto dun exame conxunto no marco do proceso de reforma do sistema de financiamento das CC.AA”.
Supón reducir a imposición directa
Ademáis, o BNG opina que a eliminación deste tributo implica renunciar a aplicar un instrumento recadatorio e redistribuidor. “Enmárcase nun contexto no que se pretende reducir á mínima expresión a tributación directa que é a que mellor garante a equidade e progresividade do sistema tributario”.
O BNG advirte que a reducción da imposición directa supón ou “compensar a perda de ingresos mediante a tributación indirecta ou non compensar esa perda de ingresos”. E desde logo, salienta Davila, “para lograr uns bos servizos sociais é necesario obter uns recursos suficientes pola vía tributaria, sobre todo nun contexto de grave crise económica”.
Ademáis, é un imposto que dá información sobre fraude
Sen esquecer, subliña a deputada do BNG, que mediante este imposto se obtén información importante sobre a fraude porque “pola declaración de patrimonio se poden detectar fugas en renda”.