VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou esta mañá en Vigo que “nos últimos catro anos eu teño feito dos debates e de asistir a eles unha forma de facer política. Eu sempre asistín aos debates cando fun convocado: nas pasadas eleccións autonómicas houbo debate e asistín, nas eleccións municipais houbo debate e asistín, cando foi a elaboración do Estatuto houbo debate e asistín e nas últimas eleccións xerais o houbo e asistín” . E abondou que “esa vai seguir sendo a miña pauta de conduta”
“Teño que anunciar que nesta campaña acudirei a tódolos debates que se celebren tanto en medios públicos como privados porque creo que ese é o xeito moderno de facer política”, afirmou. Ademais, o vicepresidente lembrou que “temos antecedentes moi importantes xa que se acaban de celebrar unhas eleccións en Estados Unidos onde houbo varios debates entre candidatos á presidencia e tamén nas pasadas eleccións en Madrid os houbo”. Dixo que “esa é a pauta que se debe institucionalizar en Galiza e que levo reclamando estes catro anos”, insistiu.
Así mesmo, anunciou que “o luns voume dirixir por carta ao director do Ente público da Televisión de Galicia para proporlle que, ao igual que ten sucedido noutros países haxa canda menos dous debates nesta campaña: un debería estar centrado na crise e nas propostas de futuro que cada un teñamos ante a crise e o outro debería estar centrado no autogoberno, na reforma do Estatuto e nas propostas que teñamos a este respecto, creo que os cidadáns galegos teñen dereito a saber que pensan os tres candidatos á Xunta ao respecto dunha cuestión así”, insistiu.
Quintana remarcou que “eu como sempre propuxen que houbera debate e como sempre asistín cando se convocaron seguirei nesa pauta de conduta e alégrome moito de que agora todos esteamos de acordo niso”, concluíu.