VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que “por primeira vez” no conxunto das administracións implicadas en materia de Xustiza existe “unha estratexia clara“ sobre como mellorar a medio prazo o funcionamento da Xustiza no noso país.
En resposta a unha interpelación parlamentaria, o conselleiro afirmou que todos os operadores coinciden en que para modificar a situación estrutural da Xustiza “é necesario traballar de consuno”, polo menos entre o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o Ministerio de Xustiza e as once Comunidades Autónomas con competencias en xustiza. “Por primeira vez a finais do ano 2008 comezan a darse esas condicións”, exclamou o conselleiro, que celebrou a “vontade de consenso” do CXPX “plasmada nun primeiro documento estratéxico e na creación -por primeira vez na súa historia- dunha comisión de relacións coas Comunidades Autónomas que está dando os primeiros pasos e secundada por unha actitude semellante de parte das Comunidades e do Ministerio”.
Traballo conxunto
Neste sentido, Méndez Romeu asegurou que hai que “traballar paralelamente en tres ámbitos distintos”. En primeiro lugar, nas reformas procesuais, das que o conselleiro informou que no último Consello de Ministros acábase de aprobar e enviar ás Cortes un conxunto de modificacións de leis orgánicas “que deben permitir modificar profundamente as leis procesuais relacionadas coa axilización dos trámites fundamentais para axilizar os procedementos xudiciais”. Doutra banda, expresou a necesidade de “traballar conxuntamente no incremento de medios e recursos” (incrementos de medios económicos, de persoal, melloras en edificios, etc.) e, en terceiro lugar, “traballar na infraestrutura tecnolóxica”. Neste sentido, comentou que esta mesma semana, nunha conferencia sectorial, o Ministerio prantexaba a necesidade de crear un consorcio tecnolóxico “para avanzar as solucións que fagan posibles novos procedementos de coordinación entre os distintos sistemas e de axilización das oficinas xudiciais”.
Nova Oficina Xudicial
O conselleiro tamén se referiu á nova Oficina Xudicial, “longamente adiada” e que implica cambios na cultura organizativa dos actuais xulgados, así como na propia organización física dos xulgados, nas súas funcións e no xeito de concibir o traballo de xuíces e maxistrados. Esta nova estrutura, continuou, tamén implica a necesidade de modificar a Lei de planta e xurisdición, fundamental para unha poboación “tan espallada” como a de Galicia. “Acadar un consenso sobre o que debe ser un partido xudicial no século XXI e sobre a necesidade de separar o concepto de partido do de xulgado é un dos grandes desafíos dunha modificación legal que foi solicitada polas Cortes nunha recente resolución e que o Ministerio ten o compromiso de levar adiante no ano 2009”.
Neste sentido, o conselleiro tamén avogou pola necesidade de unificar os criterios de estatística xudicial, un aspecto agora mesmo sometido a debate e do que Méndez Romeu se mostrou coñecedor das súas dificultades de interpretación.
Novo Xulgado do Mercantil
Ao referirse ás actuación levadas a cabo polo seu Goberno en materia de Xustiza, o titular de Presidencia lembrou que co Goberno anterior das sete principais cidades galegas, seis quedaron cunha planta xudicial “absolutamente insuficiente”. Dixo que en cidades como Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense e Pontevedra, non se fixo “nin un metro cadrado”, quedando todo en “promesas” e que en A Estrada “equivocáronse na previsión de crecemento”, xa que “tivo que chegar este Goberno e abordar estas cuestións”.
Méndez Romeu tamén lembrou que, para por en valor o que fixo o Goberno de España, na xurisdición mercantil “vai a haber un novo xulgado” na cidade da Coruña “na próxima primavera” co que se posibilitará “abordar con máis celeridade os procedementos derivados desgraciadamente do elevado número de empresas que se acollen á lei concursal”. Neste sentido, tamén dixo agardar neste ano “moi boas noticias” neste eido na cidade de Vigo, onde adiantou que se vai abrir unha oficina delegada do Rexistro Mercantil. Estas iniciativas, segundo o conselleiro son “o primeiro paso na dirección correcta”, paso que como lembrou o Goberno do Partido Popular “xamais” deu.
Orzamento 2009
Méndez Romeu non quixo deixar de facerse eco da “elemental contundencia das cifras” e así comentou que o orzamento do 2009 dedicado a Xustiza é de 105 millóns de euros, fronte aos 70 millóns do último ano (2005) do anterior Goberno;o que significa un incremento do 49 %. No referido á obra nova en materia de xustiza, apréciase un incremento de “exactamente o 50%” entre os 13,3 millóns actuais e os 8,7 de 2005.
Doutra banda, tamén se referiu ao persoal da Administración de Xustiza, dando un amplo número de cifras que demostran que agora hai máis xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, etc. en Galicia; e á creación de unidades xudiciais, cuxas cifras son “exactamente o dobre”. “Co PP en España isto ía paseniñamente”, dixo, xa que estaban máis preocupados polo control de Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo que por “cuestións máis de a pé” como crear unidades xudiciais.
Así mesmo, referiuse aos xulgados especializados en materia de violencia de xénero que, segundo asegurou, “non existían co Goberno anterior”, e foi o Goberno de Zapatero o que fixo unha lei e despois creou este tipo de xulgados. Así, lembrou que en Galicia creáronse primeiro os xulgados específicos da Coruña e Vigo e os de Pontevedra e Santiago cos que continuarán “nesa dirección progresivamente”.