VIGO (MORRAZO-tribuna).- O Edificio Administrativo da Xunta en Vigo acolleu hoxe, ao redor das 10.00 horas, un simulacro de evacuación total – desaloxouse a torre 1, a 2 e a escola infantil- por lume polo que se mobilizaron ao redor de 580 persoas e que se desenvolveu cun tempo de evacuación óptimo dentro da media estimada para este tipo de centros xa que a media de evacuación por planta foi de 3 minutos.
Para levar a cabo esta evacuación participaron tanto medios internos como externos. No primeiro caso contouse con 42 funcionarios voluntarios repartidos por todo o edificio para guiar aos traballadores cara ás saídas de emerxencia e aos espazos exteriores seguros que quedaran preestablecidos – neste caso a Praza da Estrela- e para controlar que non quedara ninguén no edificio. En canto ao medios externos, participaron os bombeiros, a policía local e o 061, que acudiron á chamada do 112.
Levouse a cabo unha temporalización da evacuación para coñecer o transcurso do simulacro. O lume iniciouse ficticiamente na cuarta planta do edificio principal, coñecido como torre 1. A continuación, a xefa de emerxencia recibiu a chamada do centro de control ás 9.56 horas e, despois de comprobar a situación, procedeu a evacuar o edificio e chamar ao 112.
Deste xeito, computouse que a xefa de emerxencia tardou 52 segundos en decidir a evacuación, chamar ao 112 e activar a alarma dende que recibiu a chamada do centro de control. A torre 1 foi evacuada na súa totalidade en 4 minutos e 30 segundos, a torre 2 en 5 minutos e 31 segundos e a escola infantil desaloxouse en 2 minutos e 25 segundos. Os bombeiros chegaron en 8 minutos dende a chamada ao 112 e o 061 chegou aos 13 minutos e 35 segundos.