COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- "PSOE e BNG volveron ignorar hoxe no Parlamento galego as necesidades de Vigo e votaron en contra dunha proposta, formulada polo PPdeG, para licitar conxuntamente proxecto e obra do trazado do Ave entre a cidade olívica e Ourense, por Cerdedo, durante o ano 2009, ademais de habilitar os recursos presupostarios necesarios para concluír os traballos no prazo máis breve posible", denunciou esta noite un voceiro popular.
A proposición non de lei na que estaba recollida esta proposta foi defendida no Pleno de hoxe polo portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, que interpretou a negativa de socialistas e nacionalistas como un novo desprezo dos socios do bipartito á cidade de Vigo, á que condenan a pasar por Santiago para a conexión con Madrid a través da alta velocidade ferroviaria.
PROMESAS INCUMPRIDAS DE TOURIÑO e DE CABALLERO
Gómez Alonso recordou a longa nómina de promesas incumpridas por Touriño na cidade de Vigo en relación co Ave por Cerdedo. O agora presidente da Xunta comprometérase, en marzo de 2005, na precampaña das anteriores autonómicas, a construír un Ave que conectase Vigo con Madrid en 3 horas e que entraría en servizo no ano 2010; e xa en setembro de 2006 anunciou que o proxecto e obra desa conexión se contrataría en 2007.
Mentres, en xaneiro de 2007, Abel Caballero, entón candidato, prometeu que as obras comezarían no ano 2008; en outubro pasado anunciou que o Ave por Cerdedo chegaría en 2012. E recordou tamén que o alcalde anunciou que dimitiría se o Ave Vigo-Ourense non entraba en servizo no 2012.
Visto que a conexión de alta velocidade ferroviaria de Vigo con Ourense está en “eterno estudo informativo” desde o ano 2005, e que non se albisca un desbloqueo a curto prazo, Gómez Alonso aproveitou o debate desta iniciativa para preguntar se Abel Caballero segue mantendo a súa intención de dimitir. “Tampouco será necesario porque xa se encargarán as urnas de botalo antes desa data”, agregou o deputado.
Mentres comunidades como o País Vasco, Valencia ou, incluso, Estremadura, manteñen en vigor o prazo de 2010 para a posta en servizo das súas liñas de alta velocidade ferroviaria, “Galicia queda definitivamente descolgada das liñas de Ave de terceira xeración, polo que estamos condenados ao ave de quinta xeración”, afirmou o portavoz de Obras Públicas do Grupo Popular.
De feito, son varias as organización independentes que teñen alertado dos retrasos que acumula o Ave galego. CC.OO. cifra o remate das obras para 2017, mentres que a CEG alerta de que a ausencia dun prazo fiable está a frear proxectos empresariais.
O trazado seleccionado para conexión Vigo-Ourense, por Cercedo, ten unha lonxitude de 59,6 quilómetros, cun presuposto base de licitación de 1.456 millóns de euros.