VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, vén de asegurar que o sucedido onte en Madrid na reunión do pacto antitransfuguismo “pon en evidencia que o Partido Popular ampara, consinte e promove os comportamentos de transfuguismo”.
Jorquera fixo referencia ao tratado na reunión, na cal “o BNG, o PSOE e as demais forzas políticas coincidiron en que o sucedido en Mos foi un caso evidente de transfuguismo por parte do concelleiro elexido nas listas do PSOE do cal se aproveitou o Partido Popular; todas agás o PP”. Sinalou que o PP empregou argumentos baseados na “busca da estabilidade” e na súa condición de “forza política máis votada”, obviando que a alcaldesa censurada foi votada no seu día pola maioría absoluta, co apoio dos concelleiros de PSOE e BNG
O tamén coordenador executivo do BNG asegura que “non é función do Pacto Antitransfuguismo analisar a política local de cada concello, senón determinar se hai comportamentos tránsfugas, como ocorreu en Mos”. Porén, ao ser requerida a unanimidade para emitir un ditame, o caso deste concello da área de Vigo será valorado por unha comisión de expertos, o que Jorquera considera “unha manobra de dilación”.
Roberto Mera
Pola súa parte, o secretario de Política Municipal do BNG, Roberto Mera, lembra a responsabilidade directa de Alberto Núñez Feijoo no sucedido e asegura que “quen avala unha operación política que despreza a vontade do pobo non debe chegar a ser presidente dos galegos e das galegas”. “O PP e Núñez Feijoo amosan a súa verdadeira cara. Son auténticos profesionais da moción de censura, que promoven o transfuguismo e mercan vontades, como puidemos ver en Pobra de Trives, Calvos de Randín e agora en Mos; e como tentaron facer xa en Sada e no Porriño”, afirma.
“O sucedido é unha falta de respecto aos cidadáns de Mos e unha violación da súa decisión democrática nas urnas”, enfatizou.