VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Deputación de Pontevedra fixo públicas hoxe as bases do Plan Cultural 2009, mediante o que a institución provincial ocúpase da retribución das distintas agrupacións, entidades e asociacións culturais da provincia, no seu afán de impulsar e fomentar a cultura popular nas múltiples e variadas expresións artísticas.
Poderán acollerse a estas axudas, entre outros, as bandas de música, as masas corais, os grupos folclóricos, os grupos de gaitas, os de teatro e os de música tradicional e clásica.
Cada actuación retribuirase do seguinte xeito: Dentro da categoría de Bandas de música, as do grupo A percibirán 600 euros, as do grupo B, 500, e as do grupo C, 450. As masas corais, dividas en dous grupos, percibirán 270 e 240 euros respectivamente. Os grupos folclóricos, dependendo desta clasificación, recibirán 270, 210 e 170 euros. Os de música tradicional, do seguinte xeito: Bandas de gaitas, 240. Grupos de gaitas, 170. Roldas, 240. Folk, 270. As agrupacións de música clásica, 240 as do grupo A e 210 as do grupo B, percibindo as orquestras unha retribución de 340 euros. Os grupos de teatro do grupo A, 500 euros, por 375 do grupo B e 300 dos de maxia. Por último, no apartado de grupos varios, os de ballet e danza percibirán 240 euros, mentres que a humoristas e outros correspóndenlles cadanseus 210 euros por actuación.
Os interesados cubrirán a solicitude de inclusión neste plan, que presentarán no rexistro xeral deste organismo desde o día seguinte á súa publicación no BOP ata o 14 de febreiro de 2009, no modelo oficial que facilitará o departamento de Cultura, acompañada da documentación pertinente.
A selección e inclusión dos grupos peticionarios levaraa a cabo a Comisión Informativa de Cultura da Deputación, que poderá interesar o asesoramento necesario, a través de informes de técnicos e profesionais expertos en cada unha das materias que avaliarán os expedientes a efectos de clasificación, propoñéndolle ó órgano competente a súa aprobación definitiva.