VIGO (MORRAZO-tribuna).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este xoves que o auditorio de Castrelos acollerá, por segundo ano consecutivo, a pista de xeo dende mañá 19 de decembro ata o 31 de xaneiro. O nacionalista explicou que o prezo é de 6 euros por persoa agás para os nenos e nenas participantes no programa de promoción escolar, que será de 3 euros por menor.
“O ano pasado foi un éxito de público, xa que a cifra aproximada de usuarios foi de 15.000 persoas”, explicou Santi Domínguez, quen matizou que nesta cifra non están contabilizadas as visitas escolares, que este ano tamén contan cun programa específico .“Queríamos ter un ano máis unha auténtica pista de xeo ao ar libre e nun contorno fantástico”, subliñou. O tenente de alcalde indicou que ademais da propia pista, no escenario se habilitará unha cafetería.
O horario da pista de xeo, que estará instalada en Castrelos do 19 de decembro ao 31 de xaneiro será, no período escolar, de luns a venres de 10 a 14 horas e de 16 a 22 horas, mentres que os sábados e domingos será de 12 a 22 horas. Nas datas especiais, como o 24 e o 31 de decembro, a pista permanecerá aberta de 12 a 19 horas, mentres que o 25 de decembro e o 1 de xaneiro o horario será de 16 a 22 horas. Santi Domínguez explicou tamén que o prezo xeral será de 6 euros por persoa, mentres que o prezo será reducido, de 3 euros, para os nenos e nenas que participen no programa de promoción escolar que desenvolverá o Concello de Vigo cos centros escolares.
“Vai valer dar unha volta polo parque de Castrelos para participar nunha iniciativa que o ano pasado xa acadou moito éxito”, sinalou o nacionalista, quen lembrou que esta actividade era unha das que faltaba por presentar da programación de Nadal.