VIGO(MORRAZO-tribuna).-A concelleira de Benestar Social reafirmou este xoves o compromiso do seu departamento e do Concello de Vigo no traballo de prevención das drogodependencias para o exercicio do 2009. A edil nacionalista afirmou que a administración local incluirá cláusulas de inclusión nas adxudicacións que realice durante a clausura do décimo aniversario da posta en marcha do Plan Local de Drogodependencias e outras Adiccións (PDLA), no que tamén participou Víctor Pedreira, subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.
“O Concello de Vigo vai seguir apostando e traballando pola prevención das drogodependencias e a incorporación social”, subliñou María Méndez, quen apuntou que como exemplo do compromiso do Concello de Vigo neste eido, esta administración incluirá cláusulas sociais nas adxudicacións das obras de dependan dela. A concelleira de Benestar Social explicou ademais que a situación actual do labor para combatir as drogodependencias se atopa nun “momento de cambio, demandado por todos e especialmente polo BNG”.
Ao respecto, lembrou que xa hai anos que o BNG demandou que a asistencia en materia de drogodependencias “tiña que estar normalizada e integrada no Sergas”. Ao xuízo da edil nacionalista, na actualidade resulta fundamental “a coordinación entre administracións”.
Neste mesmo sentido se expresou o subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, quen subliñou que é preciso “levar a cabo todas as actuacións de xeito coordinado enrte as diferentes administracións”, situación que considera que “aínda hoxe hai que mellorar”. Así, mencionou que o eido das drogodependencias “esixe tomar medidas en áreas como a sanidade, a educación, o emprego ou a xustiza”.
Víctor Pedreira sinalou que na actualidade, o reto dos plan de drogas radica na “normalización da asistencia ás persoas con drogodependencias”. Neste sentido explicou que aínda quedan persoas na marxinalidade “froito dos estragos que fixo a heroína nos anos 70 e 80”, maila que o panorama “está cambiando”, para o cal estase rematando o estudo epidemiolóxico galego, “que permitirá ver a evolución nos últimos vinte anos”.