VIGO (MORRAZO-tribuna).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, reclamou este xoves a presentación do Plan de Usos do Porto e o seu Plan Estratéxico para reordenar as súas instalacións, co obxectivo de que o seu desenvolvemento sexa sostible. Reiterou que os nacionalistas son os primeiros en demandar que urxe acadar un consenso para loitar pola competitividade do porto, pero para iso é preciso dispoñer dos documentos que a lei esixe para abordar calquer proxecto de ampliación.
Santi Domínguez salientou que é preciso contar co Plan de Usos e o Plan Estratéxico “pero non porque o digamos nós, senón porque o di a lei e o goberno do PSOE”. Neste sentido lembrou que o Ministerio de Fomento ten dito, en resposta a un pregunta presentada pola deputada Olaia Fernández, que non haberá recheos mentres que non se presenten estes documentos. “De que queren culpar ao BNG se hai anos que se tiñan que ter presentados estes plans e aínda non están respostadas as alegación presentadas polo BNG”, preguntouse. Lembrou que nin con presidentes da Autoridade Portuaria do Partido Popular, nin do PSOE, se conseguiron elaborar eses documentos, que son fundamentais para calquera actuación no porto.
Segundo o tenente de alcalde, a falta de miras “está en que cando sabiamos que tiñamos que optar a unha autopista do mar e construir maiores embarcacións, nos preocupabamos doutras cousas”. O nacionalista lembrou que cando o BNG dicía non aos recheos en Bouzas e que había que reorganizar os espazos portuarios “tamén nos dicían que eramos cortos de miras”. A este respecto convidou a calquera cidadán a pasear polas instalacións portuarias para comprobar “se todo o recheo que se fixo en Bouzas está ocupado por actividades portuarias”.
“É moi fácil convencernos se nos poñen enriba da mesa os documentos que din que a única alternativa son os recheos. Se alguén nos convence de que a única solución é un recheo estamos dispostos a cambiar de opinión”, asegurou. Insistiu en que “ao que non estamos dispostos é a que se tome a medida máis doada a costa da ría”.
Santi Domínguez reclamou para o BNG o mesmo respecto que teñen os que piden máis recheos. “¿Por que a nós se nos acusa de cortedade de miras e non aos que demandan recheos?”, manifestou. O tenente de alcalde. Demandou para o BNG o mesemo respecto “que o teñen os que sempre defenden os recheos”, dixo en resposta a quenes acusan a esta formación política de “cortedade de miras”. O nacioanlsita salientou que “a competitividade do porto é moi importante, pero máis importante aínda é o desenvolvemento sostible da ría”.