VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, quixo respostar hoxe ás acusacións do PP, afirmando que “o BNG nen é o parvo útil nen ten vocación de selo, pero en calquera caso, o pior é ser un parvo inútil que é o papel que xoga o PP para Galiza”.
Deste xeito daba contestación ao deputado popular Ruiz Rivas quen acusaba ao BNG de “parvo útil” en relación ao acordo logrado polo BNG co Goberno no marco dos Orzamentos 2009.
Neste sentido, lembrou que o “PP se instalou no non aos Orzamentos 2009 mesmo antes de coñecelos, polo tanto, non ten nin tivo ningunha capacidade de negociación para mellorar as partidas orzamentarias para o territorio galego”.
As contradiccións do PP
Por iso, puntualizou, “o seu papel relégase a ser un espectador inútil en todo o proceso dos Orzamentos Xerais do Estado”.
Lembra ademáís que o parlamentar do PP, Ruiz Rivas, acusa ao BNG de non ser suficientemente exixente, e resulta que o Presidente do PP, Mariano Rajoy, preguntará mañá na sesión de control ao Presidente do Goberno sobre as supostas “hipotecas” contraídas con Euskadi e Galiza a cambio do apoio do BNG e do PNV aos Orzamentos”.
Jorquera salienta as contradiccións do PP que dí unha cousa en Madrid e outra na Galiza. “Unha de dúas, ou o Goberno central está hipotecado polo BNG por mor do acordo acadado sobre os Orzamentos, ou, pola contra, resulta que somos pouco exixentes. O PP terá que aclarar o seu discurso”.
Os acordos vanse cumprir
Na negociación dos Orzamentos para o vindeiro ano, o BNG logrou incrementar en 125 millóns de euros as partidas para Galiza, efectivizar o paquete competencial pendente de transferencia e constituir a Comisión de Seguimento das Infraestruturas de Galiza.
Neste sentido, o deputado do BNG explica que “os acordos se van cumprir, e esta semán coñecerás ea data para a celebración da Comisión Mixta de Transferencias e a Comisión Bilateral de Cooperación, encargada de constituír a Comisión de Seguimento das Infraestruturas”. Polo tanto, subliñou, e “en coherencia co emprazamento feito polo PP, maxinamos que os populares votarán si aos Orzamentos”.