VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, criticou as declaracións realizadas polo líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó, e afirmou que o popular pon de manifesto coas súas palabras que quere “volver ao de antes”, a unha situación de produción de enerxía da que só se beneficiaban as tres ou catro empresas habituais, evitando así o paso histórico que se ten dado co concurso fallado o venres, e que supón que, por primeira vez na historia, a enerxía eléctrica que se produce no país redunde en beneficio de todos os galegos e as galegas.
“Feijoó di que se é presidente, cousa que non verá, o primeiro que vai facer é botar abaixo o concurso que se fallou o venres, teño que dicir que, primeiro, iso é legalmente imposible e o sabe, e que, ademais resulta ilustrativo: é unha sinceridade que hai que agradecerlle ao señor Feijoó, porque este é un concurso histórico no que por primeira vez a produción de enerxía eléctrica vai redundar en beneficio dos galegos e das galegas”, dixo Quintana hoxe no decurso dun acto público en Pantón. Para o vicepresidente da Xunta, o que Feijoó pretende é “volver ao de antes”, é dicir, que en lugar de beneficiarse os galegos e as galegas como se propón co concurso eólico, “se acaben beneficiando os tres ou catro que se beneficiaron toda a vida”.
Neste punto, Quintana mesmo lle agradeceu a Feijoó a súa sinceridade sobre este tema algo que, segundo apuntou “os galegos e as galegas terán moi en conta”, porque será a poboación a que teña que decidir se prefire que a produción de enerxía eléctrica redunde no seu beneficio ou prefiren “que redunde en beneficio de tres ou catro empresas que nada teñen que ver co noso país”.
Tal como lembrou o vicepresidente do Goberno galego, as palabras de Feijoó veñen a opoñerse a un concurso histórico en Galiza co que, por vez primeira, a enerxía eléctrica que se produce no país redundará en beneficio os seus habitantes. Trátase para Quintana dun concurso que significa a xeración de postos de traballo en Galiza, de investimentos e, polo tanto, de beneficios para todos e todas, beneficios derivados do feito de que Galiza sexa produtora de enerxía eléctrica. “Estivemos decenas de anos producindo enerxía eléctrica sen que os galegos e as galegas tiveran beneficio por ela, padecendo as consecuencias con grandes impactos medioambientais e os únicos que se beneficiaron eran tres ou catro empresas que nin sequera tiñan o seu domicilio social en Galiza”, detallou Quintana, quen manifestou que “agora, por primeira vez, a cousa cambia, e resulta ilustrativo que o señor Feijoó o que pretenda sexa volver ao de antes”.
Garantir a legalidade
Tamén nesta liña, Anxo Quintana ratificou as palabras de onte do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, referidas a que unha vez fallado o concurso eólico o que cómpre é garantir que todos os proxectos se axusten á legalidade á hora de poñer en marcha os parques eólicos, algo que o propio presidente se comprometeu a garantir. “Eu comparto plenamente as súas afirmacións”, sentenciou Quintana, quen asegurou que “o Goberno galego, co presidente á cabeza e con todos os que formamos parte del, temos que estar na disposición de que sempre se cumpra a legalidade”.