VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinaron esta tarde na Alcaldía da cidade olívica o protocolo polo que o Concello de Vigo cede á Xunta catro despachos do segundo andar do edificio do antigo Reitorado da Universidade de Vigo para ser habilitados como sede da nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT).
Este novo organismo, dotado de autonomía xurídica e suficiencia administrativa, foi constituído formalmente o pasado 22 de setembro, logo da celebración do Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Carlos Lage, asinaron daquela o acordo constitutivo da nova entidade; cuxo reglamento emana directamente da UE e que foi ratificado, tamén, polos gobernos de Madrid e Lisboa.
Operativa nas vindeiras semanas
Tal e como concretou hoxe o secretario xeral de Relacións Exteriores, a AECT estará en marcha nas vindeiras semanas, “pouco despois do Nadal”, e contará coa figura dun director –que será portugués- e dun subdirector – que será galego. Os cargos de director e subdirector serán rotatorios cada dous anos, segundo detallou o secretario xeral, posto que este é o acordo ao que se chegou coa Rexión Norte de Portugal xa que a sede permanente do organismo estará en Vigo.
Ademais, a AECT contará cunha asemblea plenaria de 8 membros, a metade designada polo presidente da Xunta e a outra metade designada polo presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal. Por último, o organismo posuirá un consello superior formado polos coordinadores xerais da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.
O orzamento do que disporá a entidade para 2009 é de 350.000 euros, segundo asegurou o secretario xeral de Relacións Exteriores.
Policentrismo e novas centralidades
Logo do acto de sinatura, Julio Fernández Mato congratulouse de que Vigo acolla a sede do novo organismo e agradeceu a implicación do alcalde para que a cidade olívica “sexa pioneira, non só en Galicia senón no no conxunto de España, na acollida dunha entidade destas características”.
Efectivamente, a AECT Galicia-Norte de Portugal é a primeira de cantas se constitúen formalmente na Península Ibérica e a terceira europea, logo da franco-belga con sede en Lille e da húngaro-eslovaca con sede en Esztergom.
Por último, o secretario xeral de Relacións Exteriores defendeu unha Eurorrexión policéntrica na que os diferentes espazos, rurais e urbanos, “poñan en valor as súas complementariedades e na que os seus cidadáns poidan diversificar o seu tempo de traballo e ocio entre os diferentes núcleos”. Grazas a AECT, segundo destacou o secretario xeral, espazos como Galicia e o Norte de Portugal van deixar de ser periferia e formarán parte das “novas centralidades” sobre as que pivote a toma de decisión da UE. “Estes organismos –dixo Fernández Mato referíndose ás AECT pretenden achegar Europa e a súa xestión aos cidadáns, para que non se perciba a UE como un complexo entramado burocrático”.
Finalmente, Fernández Mato indicou que o ámbito de actuación da AECT non é meramente transfronteirizo, senón que engloba ao territorio total da Eurorrexión. Neste sentido, defendeu que esta nova institución non pretende duplicar o traballo administrativo, senón optimizalo.