VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asinou en Santiago con alcaldes de 11 municipios galegos os convenios de integración doutras tantas escolas infantís na Rede Galescola. Quintana destacou que con estas incorporacións se acada o obxectivo marcado para o 2008, ao sumar xa 84 galescolas dentro da Rede.
As galescolas incorporadas hoxe están localizadas nos concellos de Abegondo, Cedeira, Foz, Chantada, Quiroga, O Carballiño, Ourense (Rúa Colón), Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Marín e Ponte Caldelas. En conxunto, achegan á rede un total de 469 prazas, das que 245 son de nova creación. Estes centros súmanse aos 73 que agrupaba a Rede Galega de Escolas Infantís a comezo deste curso escolar. Coa suma das 11 galescolas asinada hoxe, a Rede conta con 3.916 prazas (2.434 de nova creación).
Ademais destes centros, o vicepresidente sinalou que a Rede de galescolas ten unha axenda viva en constante rodaxe, e lembrou que outras 6 galescolas están en fase final de construción polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, ás que hai que engadir outros catro centros (2 no Concello da Coruña, 1 en Vigo e 1 en Ames) cuxas licitacións veñen de ser publicadas. Estes 10 centros incrementarán a oferta en 823 novas prazas.
Quintana asegurou que “hai apenas 3 anos, falar deste dinamismo no desenvolvemento da educación pública en Galiza no tramo 0-3 anos era simplemente unha quimera” e engadiu que “hoxe temos razóns para pensar que é posible achegármonos á taxa de cobertura recomendada do 33% no ano 2010 que marca a Unión Europea”. Neste momento, a oferta pública de escolas infantís en Galiza estaría constituída por 11.134 prazas, e contando a totalidade das sostidas con fondos públicos elvaríase a 15.746 prazas, co que a taxa de cobertura se sitúa no 25,3%.
O vicepresidente galego afirmou que “o das galescolas é un proxecto para o avance do país, construído en clave de igualdade, de conciliación e de calidade educativa”. Neste senso, sinalou que coa construción desta rede se están a habilitar consensos arredor do modelo que impulsan. Trátase, segundo sinalou, dunha aposta que está propiciando que Galiza conte cunha sólida rede pública de escolas infantís, “un recurso para situar a Galiza na órbita dos países máis comprometidos coa igualdade e o benestar”. Ao tempo, o seu enfoque vai na liña dos criterios de normalización lingüística que defende a comunidade internacional, como certifica o informe elaborado polo Consello de Europa que se coñeceu nos últimos días. Por outra banda, tamén asegurou que “son unha plataforma para a creación de emprego estable”, xa que o equipo profesional das 84 galescolas está formado por máis de 600 profesionais.
Colaboración cos concellos
Quintana asegurou que a Rede non tería o impacto que hoxe ten se non fora polo apoio efectivo de moitos concellos que están colaborando activamente no seu densenvolvemento”. Destacou que as galescolas “xorden da cultura do pacto e do acordo que este Goberno vén practicando e que vai seguir practicando, con máis empeño agora que hai dificultades”. Así, sinalou que “nesta coxuntura de crise é o momento de facer valer as institucións e os poderes públicos como gran elemento catalizador para recuperar a confianza da cidadanía”.
Neste camiño, destacou o papel que está a xogar o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar: “O consorcio ten institucionalizado as relacións e a colaboración entre as administracións para algo tan importante como os servizos sociais”, unha tarefa que non podería acometer nin a Vicepresidencia soa nin os concellos pola súa conta. “Estamos a mobilizar sinerxias para facer das políticas sociais un lugar de encontro e aposta interinstitucional reforzada, con capacidade para blindar aos galegos e galegas dos efectos máis lesivos da crise”, afirmou.
O vicepresidente lembrou que 96 concellos galegos dispoñen xa dunha galescola ou centro de día integrados na carteira de servizos que xestiona o Consorcio, cunha oferta global de 4.675 prazas entre as prazas de educación 0-3 e as de atención diúrna a persoas con dependencia. O impacto do Consorcio a través destes recursos alcanza a 1.236.254 persoas, o 45% da poboación galega. “A acción desenvolta nestes tres anos tradúcese na posta en marcha de dous novos centros destas características por mes”, apuntou.