VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O subdirector xeral de Telecomunicación e Audiovisual, Manuel Conde Mouzo, e o alcalde de Catoira, Alberto García García, inauguraron hoxe o telecentro de comunicación do concello co que a Secretaría Xeral de Comunicación pretende achegar aos veciños as novas canles de comunicación, convertendo este telecentro de comunicación nun espazo apropiado para iniciarse no mundo da comunicación audiovisual e a alfabetización dixital. Desde Ribeira, a través de videconferencia, o alcalde do municipio, José Luis Torres Colomer, deu a benvida ao concello de Catoira á Rede de Telecentros de Comunicación.
A Secretaría Xeral de Comunicación colabora coa dotación e instalación de equipos audiovisuais e multimedia, así como co seu mantemento tecnolóxico. Ademais, incorpora o concello á Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) para que se beneficien do traballo colaborativo en rede e da comunidade virtual da RTC. A inversión da Secretaría Xeral de Comunicación para a posta en marcha dese telecentro de comunicación foi de 120.000 €.
Ademais de dotar aos TCs do equipamento axeitado (no caso do TC de Catoira 20 terminais de ordenador), a Xunta de Galicia busca que adquiran un dinamismo para o que se están a desenvolver proxectos que permiten aproveitar as sinerxías que xorden da administración autonómica e da local.
Un dos obxectivos da Secretaría Xeral de Comunicación é converter o telecentro de comunicación nun punto de encontro dentro do concello conseguindo incorporalo como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía. Asociacións e colectivos de todo tipo poden utilizar este telecentro de comunicación (TC) para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais ou conferencias.