MADRID (MORRAZO-tribuna).- O último Pleno do Congreso deste ano 2008 aprobou definitivamento os Orzamentos Xerais do Estado 2009 que inclúen un incremento de 125 millóns de euros das partidas destinadas a Galiza, grazas á negociación que o BNG mantivo co Goberno para respaldar as contas do Estado.
Uns acordos BNG-PSOE que hai que lembrar, tamén inclúen o traspaso á Xunta de competencias pendentes, a creación da Comisión de Seguimento das Infraestruturas no seno da Comisión Bilateral Xunta-Estado, e a unha mellora na dotación financieira a Galiza para a aplicación da Lei de Dependencia.
Na votación, a sesión plenaria do Congreso levantou o veto do Senado aos Orzamentos por 178 votos en contra do veto, 163 a favor do veto e 1 abstención.
Jorquera iniciou a súa intervención expresando a posición contraria do BNG ao veto interposto pola Cámara Alta ao proxecto de Orzamentos e o respaldo dos nacionalistas galegos ás contas do Estado.
O papel do BNG no proceso dos Orzamentos “foi relevante”
O portavoz do BNG expuxo as razóns principais dos nacionalistas galegos para apoiar os Orzamentos: por ser úteis para Galiza, por responsabilidade nun contexto de crise económica e porque a alternativa que se presenta por parte da principal forza da oposición “é moito pior”.
Aprofundou nestes argumentos, sinalando en primeiro termo que respaldamos o proxecto “por responsabilidade, porque unha forza responsábel, cando adopta unha posición, ten que calibrar tamén as súas consecuencias. E desde logo, provocar unha crise política devolvendo os Orzamentos non nos parece o mellor cenario para loitar contra a crise”.
En segundo lugar, puntualizou, porque “a alternativa que se nos presenta por parte da principal forza da oposición é moito pior xa que propón a xeneralización das rebaixas fiscais, unha maior austeridade e non incurrir no défice”.
E a máis importante, afirmou que “nunha democracia parlamentar, e en ausencia de maiorías absolutas, os pactos son necesarios para asegurar a gobernabilidade, e nestes contextos o papel das minorías pode ser moi relevante”. “E cremos que o papel do BNG foi moi relevante”, engadiu.
Críticas ás posicións do PP
Subliñou que na negociación co partido socialista “chegamos a acordos positivos para Galiza aínda que haxa quen non o queira entender así”, en alusión ao PP.
Explicou aos presentes na Cámara que esta mesma semán “un portavoz do PP na Galiza cualificaba o rol xogado polo BNG neste proceso de “parvo útil”.
Mais, “nen o BNG se sinte nen ten vocación de ser parvo, de calquera maneira, considerarán comigo que é pior ser un parvo inútil”, afirmou Jorquera. Puxo de manifesto as contradiccións dos populares que “mentras nos critican na Galiza, nesta Cámara o seu xefe de partido, o Señor Rajoy, interpelaba onte ao Presidente do Goberno sobre as supostas “peaxes” pagados polo Goberno a cambio do apoio do BNG e o PNV aos Orzamentos”.
Incluso, enfatizou, “o PP galego chamaba ao BNG a correxir a súa posición e votar a favor do veto do Senado se o Goberno non aseguraba o cumprimento dos compromisos contraídos cos nacionalistas galegos”. Respostou ás bancadas populares co anuncio realizado onte da convocatoria da Comisión de Transferencias e da Comisión Bilateral para crear a Comisión de Seguimento das Infraestruturas.
“Por coherencia, maxino agora que o PP instará aos seus deputados galegos no Congreso a votar a favor dos Orzamentos”, sinalou Jorquera.