22 diciembre 2008

Novos tempos para o sector do automóvil

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou hoxe en Santiago co presidente da Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria da Automoción de Galicia, Antonio Santos, un convenio de colaboración para a construción das instalacións do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos intelixentes. Este acordo supón un investimento de 10 millóns de euros por parte da Consellaría quen, á súa vez, recibiu este importe do antigo Ministerio de Educación e Ciencia a través dun préstamo reembolsable.

O Centro de Excelencia complementará ao Centro de Automoción de Galicia e terá como obxectivo fundamental conformar un sistema integral de investigación, desenvolvemento e validación de sistemas e vehículos intelixentes que englobe todas as infraestruturas necesarias para poder dar resposta ás futuras necesidades do sector. O Centro fomentará a I+D de calidade, a formación de especialistas na área da electrónica para automoción e a creación de empresas de base tecnolóxica “spin-off”. Contribuirá igualmente a xerar patentes e procedementos tecnolóxicos innovadores que beneficien ao tecido industrial e potenciará a transferencia tecnolóxica ao sector empresarial.

Este Centro quedará englobado dentro do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e constará de varios edificios con diferentes usos. O novo Centro de Excelencia pretende erixirse nun centro de referencia a nivel europeo no eido da investigación e o desenvolvemento de sistemas electrónicos para vehículos intelixentes, contribuíndo á consolidación dun polo de competencia en automoción a nivel mundial en Galiza. Actualmente, non existe a nivel estatal nin europeo unha infraestrutura agrupada dedicada de forma global á “Electrónica para Vehículos Intelixentes”. Para desenvolver a súa actividade, o centro dotaráse dunha serie de laboratorios e instalacións singulares.

A Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria da Automoción de Galicia será a encargada da súa construción. Entre xaneiro de 2008 e decembro de 2010, levaranse a cabo accións e investimentos relacionados coa primeira fase de construción de instalacións de investigación, desenvolvemento e validación de sistemas do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, dos cales, no marco do convenio se van a financiar custos por un importe global de 10 millóns de euros. En concreto, 3 millóns serán para a adquisición de terreo, 1,54 millóns para o seu acondicionamento e urbanización, 3,36 millóns para a construción e 2,1 millóns para as instalacións.

Articulación do sistema galego de I+D+i
O Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (Incite), no marco do seu obxectivo prioritario de vertebración do Sistema Galego de Innovación, define o papel dos centros tecnolóxicos coma os axentes dinamizadores da transferencia de tecnoloxía por excelencia e os principais xeradores de innovación nos seus sectores de referencia, actuando como departamentos de I+D do sector empresarial.

A política da Consellaría de Innovación e Industria a respecto dos centros tecnolóxicos articúlase en dúas liñas de actuación: por unha banda, a creación de centros tecnolóxicos en sectores estratéxicos para Galiza e, por outra, a internacionalización dos centros existentes, a través de fortes investimentos en infraestruturas científico-tecnolóxicas. Este último é o caso do futuro Centro de Excelencia en Electrónica Aplicada, no que a Consellaría investirá inicialmente estes 10 millóns de euros para executar a primeira fase da súa construción.