VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño anunciou que a Xunta investirá un total de 98,5 millóns de euros para a execución de obra pública nas provincias de Lugo e Pontevedra, un paquete de autorización de gasto e decretos correspondentes de utilidade pública e de inicio de expropiacións ás que hoxe deu o visto e prace o Consello.
Esta contía, segundo recordou o presidente, enmárcase dentro do programa “extraordinario” de dinamización de obra pública que o Goberno acordou o pasado o 22 de xaneiro de 2008.
Segundo detallou, trátase de tres grupos de actuación “moi importes”. O primeiro deles destina 54 millóns de euros para a construción do treito do corredor da Costa Norte entre Celeiro e San Cibrao, e o segundo 22,4 millóns de euros na reforma de dúas estradas da montaña luguesa, entre Baralla e O Cádavo e entre A Ribeira e Navia de Suarna.
En terceiro lugar, o Consello autorizou tamén o inicio das expropiacións para construír o acceso da Plataforma loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN) á autovía das Rías Baixas, cunha partida de 21, 8 millóns de euros.
Vivenda Protexida
Touriño deu conta tamén do acordo do Goberno galego de investir 13 millóns de euros na construción de 132 vivendas protexidas no polígono residencial de Valdecorvos, en Pontevedra. E, así mesmo, da urbanización por valor de 24 millóns de euros para a zona residencial do campus universitario de Elviña.
Colaboración entre INE e IGE
O consello da Xunta aprobou o decreto do Programa estatístico da comunidade autónoma para o ano 2009, no cal se establece a oferta estatística da Comunidade. Del, o presidente salientou que, a través dun convenio entre o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE), se duplicará a mostra para tomar os datos de desemprego na nosa comunidade, “nun esforzo supletorio e adicional para ter unha información máis fiable e segura e máis solvente en materia de emprego”, destacou. “Permite dar máis grado de confiabilidade á medición do desemprego a través das estatísticas que serven de base para a avaliación da enquisa de poboación activa”, puntualizou.
Entre as operacións máis importantes destacan a Enquisa estrutural de empresas, a Enquisa de innovación empresarial e a Enquisa social: Fogares e medio ambiente.
Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes
No transcurso da súa intervención, o xefe do Executivo galego indicou que a Xunta investirá 10 millóns de euros na construción do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes en Vigo, un proxecto que se enmarca dentro do Plan galego de I+D+i 2006-2010.
Estas instalacións complementarán o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CETAG), a través deste convenio que habilita esta inversión “tan potente”, remarcou o presidente, que subliñou a importancia desta actuación no momento que atravesa o sector do Automóbil.
Garantía de transparencia
Preguntado pola resolución do concurso eólico, Pérez Touriño reiterou que “se están cumprindo todos e cada un dos pasos” e asegurou que confía “plenamente na responsabilidade e na tarefa encomendada, como sempre, a cada consellería do meu Goberno”. Na mesma liña, expresou o seu convencemento “en que se darán todas as garantías en relación coa transparencia e coa aplicación da normativa vixente para resolver este concurso axeitadamente”.
“A consellería está a facer o seu traballo, a comisión de selección de avaliación está á espera e en disposición de realizar o seu traballo, en canto reciba a documentación, que aínda non puido recibir, o cal é constatable e público; e teño a confianza plena que por parte da consellería e da comisión, no seu momento, se realizará o proceso con todas as garantías necesarias de transparencia e aplicación da normativa.