PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- A petición do BNG de Ponteareas, a concelleira de Turismo, Raquel Bautista, comparecerá no pleno extraordinario solicitado polos nacionalistas e convocado para o vindeiro día 2 de xaneiro, para dar explicacións sobre a política da súa concellaría respeto á festa do corpus, especialmente sobre a tramitación do expediente de declaración da festa do Corpus de Interese Internacional.
Os nacionalistas consideran que o goberno de Ponteareas e, en particular as concellerías de Turismo e Cultura, non están dando o apoio suficiente ao traballo dos alfombristas nin á promoción internacional da festa do Corpus. “Carecen dunha verdadeira política turística e dun programa claro de actuacións para a promoción da festa do Corpus, como se evidenciou con toda clareza neste último ano”, declarou Bolívar González, Portavoz Municipal do BNG.
O BNG destaca que a incapacidade do goberno local e da concelleira de Turismo estase a poñer de manifesto nun asunto que debera ser fundamental na política turística municipal: a declaración do Corpus como Festa de Interese Internacional. Xa no seu intre, engaden os nacionalistas, “advertímos, con motivo da aprobación polo pleno da solicitude desa declaración, da falta de rigor e da incompetencia demostrada polo goberno á hora de formular a solicitude cun informe pobre e lamentábel”
Os feitos posteriores teñen corroborado os reparos feitos polo BNG. Asi, o 18 de maio de 2007 o goberno envía a solicitude de declaración da Festa do Corpus como Festa de Interese Internacional á Xunta de Galiza e en lugar de facelo á Consellaría de Innovación e Industria, de quen depende a Dirección Xeral de Turismo, envíase á Consellaría de Cultura, pero dirixida á mesma Dirección Xeral. Posteriormente, e continuando na mesma liña chapuceira e incompetente, a concelleira de Turismo solicita á Dirección Xeral de Turismo, copia do expediente posto que no concello o expediente desaparecera. Así, o 18 de setembro, é a Consellaría de Innovación e Industria quen remite dito expediente ao Concello de Ponteareas.
O BNG preguntará ademáis, á concelleira de Turismo polas viaxes realizadas, con cargo ao concello, no actual mandato con indicación de obxectivos dos mismos, gastos destas viaxes, resultados e repercusión práctica para Ponteareas. Os nacionalistas tamén requerirán información sobre os investimentos da Concellería de Turismo na promoción do Corpus, campañas de divulgación e a participación dos alfombristas nestas campañas.