18 diciembre 2008

Cerrada defensa del Plan Sectorial de Vivienda y sus beneficios para Vigo, a cargo de Santi Domínguez

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, afirmou este xoves que o Plan Sectorial de Vivenda é garantía de que en Vigo se vaian a construir vivendas de protección. A preguntas dos xornalistas, o nacionalista subliñou que “é falso” que o Concello de Vigo vaia a perder cartos pola aplicación do Plan Sectorial da Consellería de Vivenda, senón que recuperará 250 millóns de euros en infraestruturas e dotacións.

Santi Domínguez quixo facer historia para lembrar que hai cambios de posición que non se entenden, “a non ser que sexa por cuestión de protagonismo”. Explicou que “hai anos todos tiñamos claro que había que facer vivenda protexida e daquela o BNG afirmaba que habería unha Lei de Vivenda que marcaría a porcentaxe”. Lembrou tamén que no PXOM aprobado en decembro do 2007 se aposta polo incremento da vivenda protexida, aínda que o Partido Popular votou en contra “precisamente polas modificacións introducidas”, segundo ten recoñecido. Santi Domínguez dixo que, sen embargo, agora o problema parace que é “que se quere facer vivenda protexida”.

O tenente de alcalde sinalou que “a través do PXOM hai un acordo segundo o cal ten que haber vivenda protexida e o Plan Sectorial de Vivenda di que haberá promoción pública de 10.000 vivendas, que son realistas”, salientou. Fixo fincapé en que estas vivendas van ser construidas por iniciativa pública e non haberá que agardar polos privados para desenvolver os ámbitos. “Alguén se cre que nesta situación de crise os promotores privados van tomar a iniciativa de iniciar ámbitos que son de moi difícil desenvolvemento”, preguntouse o tenente de alcalde, quen indicou que iso o vai facer a Consellería de Vivenda “para garantir a construción de vivenda protexida”.

Por outra banda, Santi Domínguez asegurou que “é falso” que o Concello de Vigo vaia a perder 36 millóns de euros coa aplicación do Plan Sectorial de Vivenda. Garantíu que polo contrario, en infraestruturas e dotacións, o Concello recuperará 250 millóns de euros.
.
Ademais, o nacionalista lembrou que o proxecto aínda está en periodo de alegacións. “Se algunha formación política quere corrixir algo, que presente alegacións”, subliñou. O tenente de alcalde adiantou que o BNG non vai a presentar alegacións e suliñou que o Plan Sectorial da Consellería de Vivenda “é a única garantía que se puxo enriba da mesa de que en Vigo se poidan construir nun horizonte de dez anos as vivendas de protección que antes todos queriamos”.