18 diciembre 2008

Presentada CIMAG 2009, certamen internacional de maquinaria de forraje, que tendrá lugar en Silleda en enero

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, avogou esta mañá porque o carácter “estritamente profesional” do CIMAG 2009 constitúa un referente para moitas das feiras celebradas en Silleda. Segundo Méndez Romeu o “camiño” a seguir está caracterizado por feiras organizadas “a través dunha estrutura profesional representativa do sector”, coñecedora dos seus clientes e que necesita ter unha plataforma de contacto con estes en función das súas innovacións comerciais e tecnolóxicas.

O conselleiro de Presidencia fixo estas declaracións na presentación do IV Certame Internacional de Maquinaria de Forraxe, que se celebrará en Silleda entre o 22 e o 25 de xaneiro de 2009, e na que tamén participou o presidente de Ansemat (Asociación Española de Maquinaria Agropecuaria, Forestal e de Espazos Verdes), Julio Fernández Marmolejo. Nesta presentación, Méndez Romeu, aproveitou para anunciar a campaña de medios que se iniciará o vindeiro 10 de xaneiro, cun importe de 100.000 euros, para que todos os interesados neste eido saiban “onde poden tomar contacto cos seus provedores e coñecer as ultimas tendencias en materia de maquinaria agrícola”.

Pola súa banda, o presidente de Ansemat, Julio Fernández Marmolejo, comentou que o CIMAG 2009 é “a segunda feira agrícola máis importante de España” xa que está dirixida ao mercado en Galicia, no noroeste de España e no norte de Portugal. Neste sentido, comentou que a feira ten cada ano “máis éxito que o anterior” -desde o seu inicio en 2002-, ampliando a súa superficie e o número de expositores e visitantes. De feito, segundo Moralejo, este ano o mercado de tractores de Galicia foi “a máis importante nos últimos 4 ou 5 últimos anos”, superando os 2.000 tractores.

CIMAG 2009
A falta de máis dun mes para a súa celebración, o IV Certame Internacional da Maquinaria de Forraxe, CIMAG 2009, que se celebrará na Feira Internacional de Galicia do 22 ao 25 de xaneiro, conta xa coa reserva de espazo de 55 expositores directos e 164 firmas expositoras de 22 países, que ocuparán unha superficie de 11.874 m² repartidos nos dous pavillóns principais do recinto.

Coorganizado pola Fundación Semana Verde de Galicia e o propio sector a través de Ansemat (Asociación Española de Maquinaria Agropecuaria, Forestal e de Espazos Verdes), o certame afronta a súa cuarta edición co obxectivo de promover a modernización do parque de maquinaria da Península Ibérica a través da implantación de innovacións tecnolóxicas máis seguras e menos contaminantes que ao mesmo tempo repercutan na eficacia e rendibilidade das explotacións.

Por este motivo Cimag concibiuse como un monográfico altamente especializado, no que estarán presentes as firmas máis importantes do mercado da maquinaria agrícola a nivel internacional, tales como John Deere, Same Deutz, Fahr, Massey Ferguson, Fendt, Valtra, New Holland, Krone, Landini, Alöis Pottinger, Welger, Ferrari, Pasquali, Claas, Kubota ou Lamborghini. Todas elas amosarán unha ampla gama de produtos, entre os que se incluirán os seus últimos lanzamentos ao mercado, de xeito que tódolos visitantes poidan satisfacer as súas expectativas.


Seguridade no manexo da maquinaria

Durante o certame levaranse a cabo diversas actividades paralelas de grande interese para o sector entre as que destacan as xornadas técnicas como a centrada en “A Seguridade no manexo da maquinaria agrícola”, impartida por Ignacio Ruíz, secretario xeral de Ansemat. Así mesmo, analizarase “O tractor en Galicia no século XXI”, nunha conferencia dirixida por Luís Márquez, profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos da Universidade Politécnica de Madrid.

Por outra banda, desgranaranse as “Axudas para o fomento da maquinaria agrícola” por parte de Mariano Pérez Minguijón, subdirector adxunto de Medios de Producción Agrícola do Ministerio de Medio Ambiente, y Medio Rural y Marino; e Mercedes Espasandín, do servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal da Consellería do Medio Rural.

Concurso de Máquinas Destacadas

No marco de Cimag 2009 tamén terá lugar a cuarta edición do Concurso de Máquinas Destacadas, dirixido a premiar a maquinaria de nova fabricación que destaca polos seus avances no deseño, prestacións e calidade de traballo, así como pola súa especial idoneidade para a produción de forraxe e, de xeito extensivo, para a agricultura que se practica no noroeste de España e norte de Portugal. O cualificado xurado deste evento, que recibirá propostas ata o 15 de xaneiro, estará presidido por Luís Márquez, téndose acordado tamén que integren o mesmo Gabriel Rielo, xefe de sección de Maquinaria da Escola de Capacitación Agraria de Guísamo; e os profesores universitarios italiano e portugués Ettore Gasparetto e Fernando Santos, respectivamente.

Con todo elo o monográfico confía en revalidar o seu posicionamento como a feira máis importante en España e Portugal sobre maquinaria agrícola do sector forraxeiro, na que fabricantes, importadores, distribuidores e profesionais teñen unha cita ineludible.