VIGO (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, lamentou hoxe en Vigo que nestes momentos de crise económica só se fale da Bolsa e das grandes empresas e que pareza que a crise “só é un xogo de ricos”, cando realmente trae consecuencias sociais moi graves para a xente, “para moita xente que non ten casa, xente que non ten traballo e que ten dificultades para comer e dar de comer aos seus”, apuntou.
Así, Quintana salientou a necesidade de reforzar os servizos sociais de Galiza como instrumento de xustiza social e de loita contra a pobreza e a exclusión, como unha ferramenta para garantir a protección das persoas que máis o precisan, especialmente nunha situación de crise económica como a actual. “En Galiza hai máis de 5.600 persoas sen teito, e dende o Goberno galego estamos obrigados a colocar esta auténtica realidade da crise na primeira liña das nosas preocupacións e na primeira liña informativa”, explicou hoxe en Vigo no decurso dunha visita ao centro da entidade social Hermanos Misioneros dos Enfermos Pobres.
Nesta liña, o Goberno galego dotouse do Sistema Galego de Benestar e a Lei Galega de Servizos Sociais, que elevan aos servizos sociais á categoría de dereitos universais. Tamén nesta dirección o II Plan Galego de Inclusión Social atende ás persoas con menores niveis de ingresos e de benestar no país. Neste senso, Anxo Quintana lembrou a necesidade de reforzar o traballo neste ámbito, polo que lembrou que o Goberno galego ten emprendido dúas liñas de actuación específicas para a loita contra a pobreza.
Segundo dixo o vicepresidente Quintana, as accións da Xunta baséanse por unha banda na intervención directa da Administración pública, que asume as súas responsabilidades e deseña actuacións para combater a pobreza e protexer aos máis vulnerables. No marco destas accións o Goberno galego ten a obriga de crear unha rede pública de atención social, tal como está previsto no II Plan Galego de Inclusión Social. De feito, o primeiro destes centros construirase en Vigo e suporá un investimento de 1,6 millóns de euros. Está previsto que o novo centro preste desde o comezo o servizo de comedor social, a unidade de rúa e o centro de día para persoas sen teito, servizos que se incrementarán no futuro.
Máis axudas
A segunda liña de actuación do Goberno galego baséase na colaboración coas entidades sociais que, tal como lembrou Quintana, levan moito tempo traballando neste ámbito social. Para isto aumentaranse as axudas concedidas a aquelas entidades que contan con dispositivos de contención inmediata da emerxencia, como comedores sociais ou albergues. Así, Quintana indicou que esta iniciativa de choque suporá duplicar o orzamento que se viña destinando para estas organizacións, que pasa así de 800.000 a 1,6 millóns de euros.
Esta iniciativa canalizarase a través dun primeiro paquete de axudas inmediatas para atender as necesidades máis urxentes dos centros sociais e, por outra banda, a través do incremento da orde anual de subvencións para o ano 2009.
Hoxe mesmo o Consello da Xunta aprobou as primeiras axudas de carácter inmediato que, xunto con outras que se aprobarán en breve, beneficiarán a unha ducia de entidades que ofrecen servizos de atención social. En total achegaranse máis de 162.000 euros para estas axudas. Precisamente o centro que visitou hoxe Quintana recibe a través das axudas aprobadas hoxe polo Consello da Xunta unha achega extraordinaria de preto de 16.000 euros, que se suma aos 136.500 euros que xa recibiu este ano por parte da Vicepresidencia da Xunta.
Estas contías extraordinarias complementaranse co aumento en preto dun 80 por cento do orzamento previsto inicialmente para a orde anual de subvención do vindeiro ano. Este incremento permitiralle ás entidades de iniciativa social dispoñer dunha maior liquidez para o desenvolvemento das súas actividades, que nos últimos tempos se veu sensiblemente incrementada debido ao aumento da demanda.
Cómpre salientar que este incremento da orde anual de subvención vén dar continuidade á tendencia iniciada polo Goberno galego, que aumentou considerablemente as axudas destinadas a estas entidades, pasando de 310.000 euros en 2005 a máis de 800.000 euros no presente exercicio.
Compromiso coas entidades
Tal como salientou o vicepresidente Quintana, a estratexia galega de inclusión social inclúe o apoio directo ás persoas e ás familias, pero tamén o apoio ás entidades de acción social e voluntaria que desenvolven un labor fundamental nestes momentos de dificultades económicas para moita xente, un traballo que evita que se produza un auténtico crack social.
Así, no decurso da visita, Anxo Quintana agradeceulle aos membros da entidade Hermanos Misioneros dos Enfermos Pobres o traballo que veñen desenvolvendo nos 41 anos que levan en funcionamento. Desde entón pasaron polas súas instalacións máis de 400.000 persoas, que se beneficiaron de distintos servizos sociais, como o de comedor, roupa, comida e outras atencións.