VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, respostou hoxe ás afirmacións realizadas polo vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, quen nunha entrevista radiofónica acusaba ao BNG de “querer eliminar o voto da emigración”.
Jorquera destacou que “por fin o PSOE se saca a careta e deixa ver ás claras que só aspira a manipular o voto emigrante en lugar de preocuparse por outorgarlle as debidas garantías”. O deputado do BNG no Congreso puxo de manifesto as contradiccións do partido socialista que “na Galiza dí defender a reforma do voto emigrante pero actúa doutra maneira en Madrid, onde bloquea o proceso para modificar canto antes o sistema de voto dos residentes ausentes”.
O BNG axilizou a constitución da Subcomisión para a reforma da lei eleitoral no Congreso
O portavoz nacionalista na Cámara Baixa lembrou que “foi o BNG quen axilizou o proceso no Congreso para que se constituira a Subcomisión para estudar a reforma da Lei Eleitoral”, e “é o BNG quen colocou en primeira posición de saída o problema do sistema de voto dos emigrantes nas cuestións a abordar na Subcomisión creada a tal efecto”. Sempre defendemos a necesidade de que os emigrantes voten en urna e coas mesmas garantías xurídicas que os residentes no Estado. “E iso foi o primeiro que levamos á Subcomisión para que, antes de nada, se procedese a modificar ese sistema de cara as eleccións galegas”.
O PSOE, en realidade, “só aspira a manipular o voto emigrante”
Porén, “é o PSOE o que está interesado en manter o sistema tal como está porque sabe que o actual sistema é fácil de manipular”. Ademáis, puntualizou, “debería pórse de acordo co seu Secretario de Organización, o Señor Blanco, que foi quen tamén puxo enriba da mesa hai uns meses a necesidade de regular o alcance do dereito ao sufraxio dos residentes ausentes, limitando a súa participación ás Eleccións Xerais através dunha circunscripción eleitoral propia”. Mesmo, engadiu Jorquera, “membros do PSOE na Subcomisión encargada do estudo da lei eleitoral, chegaron a manifestar “que a reforma do sistema de votación era moi complexa e que o importante era abordar o problema de fondo: o alcance do dereito ao sufraxio”.
Jorquera tildou, por iso, de “lamentábeis as manifestacións verquidas por Varela. “O PSOE dí que hai que reformar o sistema de votación e despois bloquea a reforma no Congreso”. “José Blanco dí que hai que limitar o alcance do dereito ao sufraxio e despois Varela dí que o BNG non quer que voten os emigrantes”. En definitiva, criticou Jorquera, “xogan a marear e a confundir, o único que lles interesa é perpetuar un sistema de votación que permite todo tipo de manipulacións”.
Tampouco esqueceu as manifestacións do portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Ismael Rego, que cualificou “unha torpeza e un pésimo negocio” a proposta do BNG de xestión pública da AP-9. Para Jorquera “é cando menos inaudito que un portavoz do PSOE, partido que está no Goberno galego, non considere importante que unha infraestrutura básica para Galiza como é a AP-9 non pase a ser xestionada polos poderes públicos”.