VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, adiantou que os concellos galegos percibirán máis de 490 millóns de euros do Fondo de Investimento Local aprobado polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. O máximo mandatario galego salientou algunhas das características destas axudas –que para toda España ascenderán a 8.000 millóns de euros– como a obrigatoriedade de aplicarse a obras de nova planificación, que o fondo non pretende substituír os investimentos das entidades locais, senón duplicalos, e a de contratar persoal que se encontre en situación de desemprego.
“O Fondo de Investimento Local ten unha finalidade evidente: dinamizar a curto prazo a actividade económica, xerar emprego na nosa Comunidade a través do financiamento de proxectos que signifiquen melloras inmediatas nas dotacións municipais de infraestruturas produtivas e de utilidade social”, remarcou Pérez Touriño. O investimento de 490 millóns de euros servirá para financiar obras de competencia municipal dirixidas á adecuación, rehabilitación e mellora de espazos públicos urbanos ou de promoción industrial; á equipamentos sociais, sanitarios, educativos, culturais e deportivos ou infraestruturas de servizos básicos nas redes viarias, de saneamento, alumeado e telecomunicacións; á supresión de barreiras arquitectónicas; protección do medio ambiente e prevención de contaminación ou aforro e eficiencia enerxética; conservación do patrimonio municipal e patrimonio histórico; rede de abastecemento de auga potable ou tratamento de augas residuais ou xestión de residuos urbanos; prevención e servizo de extinción de incendios; e promoción do turismo.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, Pérez Touriño destacou que este fondo se traducirá en 12.000 novos ocupados en Galicia, a través da realización de obras dun importe inferior a 5 millóns de euros, de carácter urxente e de execución inmediata. Favorecerá directamente ás pequenas e medianas empresas do tecido local “moi vencelladas a un sector que está na orixe da crise, o sector da construción”, engadiu o máximo mandatario galego. Touriño explicou que se establecen mecanismos de cobro inmediatos para a realización dos traballos, 30 días naturais a partir da expedición das certificacións de obras e sinalou que as solicitudes deben presentarse entre o 10 de decembro de 2008 e o 24 de xaneiro de 2009. Así, os concellos recibirán o 70% do importe ao adxudicarse o proxecto.
Dos 490,7 millóns que recibirá a Comunidade do Fondo de Investimento Local, 200,4 millóns serán para os concellos da provincia da Coruña, 62,8 para Lugo, 59,6 para Ourense, e 167,7 para Pontevedra.
O presidente do Goberno galego asegurou que o Fondo de Investimento Local enmárcase dentro das accións e medidas para estimular a actividade económica e o emprego que está adoptando o Goberno do Estado, duplica o investimento previsto polos concellos para o ano 2009 e permitirá crear, en toda España, entre 200.000 e 300.000 novos empregos. Así como o Fondo de Investimento Local, de 3.000 millóns, dirixido a sectores estratéxicos como a automoción, a rehabilitación de espazos urbanos e I+D+i.
“O criterio de dispersión poboacional foi sempre defendido por min tanto a efectos de inversión territorializada do Estado como na reforma do financiamento autonómico. Pero son consciente de que o carácter absolutamente extraordinario e urxente da medida significou apostar por un criterio exclusivamente poboacional que non significa renunciar a nada, nin deixar de percibir nada, porque esta medida foi habilitada de xeito excepcional, non existía, e todo o que se reciba será a maiores do esperado e estimado previamente”, explicou Touriño sobre os criterios de distribución do Fondo de Investimento Local.
O titular da Xunta manifestou que espera reunirse en breve co presidente do Goberno España para solicitar que a financiamento autonómico “pondere axeitadamente os criterios de dispersión e avellentamento poboacional. Cando falamos de financiamento das comunidades temos que introducir os criterios que unanimemente esta Cámara demanda e que o Goberno asume, lidera e reivindica”.