VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- “Cando entre en servizo a Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte, non haberá nin un só quilómetro da franxa atlántica, desde a Guarda ata Fisterra, sen vías de altas prestacións e desconectados de Galicia, de España e de Europa”. Así o remarcou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante o acto de colocación da primeira pedra da autovía Carballo-Berdoias, pertencente á Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte, que presidiu esta mañá en Carballo acompañado pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride.
O titular da Xunta explicou que esta conectividade de toda a costa a través de vías de altas prestacións se garantirá con 8 infraestruturas das que 4 están en execución, 2 en servizo, e outras 2 en proxecto. “Está en plena execución a vía de alta capacidade da Costa Norte, a da Costa da Morte, a de Santiago- Noia, e a variante de Marín; en servizo, as autovías do Salnés e do Barbanza; e en proxecto, a de Tui a Guarda e a do Morrazo “, lembrou.
Deixar atrás o déficit de comunicacións da Costa da Morte
O máximo mandatario galego subliñou que, coa VAC, cuxo orzamento supera os 340 millóns de euros, a Costa da Morte “cambiará o seu histórico illamento” e remarcou que esta infraestrutura foi pensada “para impulsar a accesibilidade a unha das zonas do país con maior potencial turístico, paisaxístico, ecolóxico e ambiental”.
“Esta é unha mostra máis do cambio que estamos levando a cabo en Galicia. Un cambio co que estamos facendo país, cidadanía, estruturando o territorio. Un cambio que coloca o reequilibrio territorial no centro da nosa política, para superar as dúas galicias, a Galicia das dous velocidades”, afirmou. “Non hai razón para ter que vivir nunha situación permanentemente periférica”, engadiu.
Pérez Touriño lembrou que a VAC, que se enmarca dentro do Plan da Costa da Morte 2006-2010, está deseñada como una autovía entre Carballo e Berdoias; como un corredor con opción de desdobramento no treito entre Berdoias e Cee; e como vía de alta capacidade nas variantes de Carballo, Cee-Sardiñeiro e Cee-Brens. O titular da Xunta destacou, ademais, a decisión de construír unha vía libre de peaxe en todos os seus treitos. “Hoxe é un bo día para falar de vontade política e de compromiso coa Costa da Morte. Porque non é o mesmo unha autovía con peaxe que outra libre de peaxe. Apostar por unha vía libre de peaxe e apostar por un modelo de solidariedade entre todos os galegos. Apostar polo peaxe e ir en contra do reequlibrio territorial”, asegurou.
Segundo explicou o presidente do Goberno autonómico, a autovía Carballo-Berdoias, vai mobilizar o 73 por cento do orzamento total, xa que a súa construción require un investimento de case 250 millóns, dos máis de 340 totais destinados a este proxecto. Adiantou, ademais, que o subtreito de autovía que conecta Carballo con Baio entrará en servizo a finais do 2010, mentres que o de Berdoias en maio do 2011.
Actuacións en toda a Costa da Morte
Emilio Pérez Touriño salientou que a autovía entre Carballo e Berdoias está incluída dentro do Plan da Costa da Morte 2006-2010 do que destacou o seu alto grado de execución. “Hoxe ten en marcha o 80% dos seus recursos e acada un nivel de investimento de 730 millóns de euros”, salientou o máximo mandatario galego.
“E este compromiso coa Costa da Morte que asumín desde o principio da lexislatura non se reflicto só nesta autovía senón tamén noutras actuacións, como a do porto de Brens, a actuación en materia portuaria máis importante das que son de competencia autonómica, o plan de solo industrial, as melloras no resto dos portos da comarca ou o ciclo de auga”, explicou Touriño. O presidente da Xunta citou, tamén, como mostra da aposta do seu Goberno pola Costa da Morte, o Plan Integral de Emprego e as axudas á dinamización económica destinadas a diferentes sectores.
O 8 de xaneiro, o proxecto do Parador
A conselleira de Política Territorial destacou, pola súa banda, outras obras destinadas á mellora e conservación da rede de estradas da Costa da Morte como o novo vial entre Carballo e Buño que mobilizou máis de 11 millóns de euros e que entrou en servizo medio ano antes do prazo previsto, e o acondicionamento das estradas Buño-Malpica, Buño-Ponteceso e Ponteceso-Corme, nas que a Xunta investiu máis de 16 millóns.
Durante a súa intervención, María José Caride salientou que, entre as actuacións que ten en marcha o Goberno galego na Costa da Morte, tamén está a ampliación e renovación das instalacións portuarias que suman un investimento de preto de 38 millóns de euros. A conselleira adiantou, ademais que o vindeiro 8 de xaneiro, o xurado fallará o concurso sobre o Parador de Muxía e poderá coñecerse o proxecto gañador. Este Parador, que será construído por unha sociedade dependente do Ministerio de Industria, mobilizará un investimento de 20 millóns de euros e será fundamental para a dinamización turística da Costa da Morte.