VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Deputación de Pontevedra ven de aprobar na pasada Xunta de Goberno a dotación e instalación dunha rotonda en Valiñas, na estrada provincial 9407 Goulla-Porráns, ó seu paso polo concello de Barro.
As obras que se contemplan no proxecto inclúen actuacións sobre o rego de adherencia, previo barrido, así coma a aplicación de mestura bituminosa en quente dos tipos S-20 e D-12, con árido granítico, estendida e compactada ó 98%.
A continuación, construirase unha soleira de formigón de 12 centímetros de espesor, así como un bordillo de formigón prefabricado de 40 centímetros de base e 20 centímetros de altura.
Posteriormente, instalarase un báculo de formigón armado para suxeición de columna de luz, así coma a columna de luz, composta de fuste e dous brazos.
Por último, procederase a acometer a sinalización vertical e horizontal, así coma a construción dunha cuneta triangular revestida de formigón de 30 centímetros de profundidade.
A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ 105.000 EUROS NA DOTACIÓN DE CAPA DE RODADURA DA E.P. CALDAS-VILANOVIÑA
A Deputación de Pontevedra ven de aprobar na pasada Xunta de Goberno a dotación e instalación de capa de rodadura da estrada provincial 8004, Caldas-Vilanoviña, tramo antigo, ó seu paso polo concello de Portas, onde a institución provincial investirá 105.000 euros.
As obras que se contemplan no proxecto inclúen actuacións sobre o rego de adherencia, previo barrido, así coma a aplicación de mestura bituminosa en quente tipo D-12, con árido granítico, estendida e compactada ó 98%.
Continuarase coa marcación vial de 10 e 15 centímetros con pintura reflectante e microesferas de vidro, mediante máquina autopropulsada. Así mesmo, corrixirase a nova rasante unha tapa de pozo de rexistro.