18 diciembre 2008

Feijoo lamenta que 15% do censo non poda votar en urna e agarda que, polo menos, se permita que os emigrantes podan identificarse con DNI ou pasaporte

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-“Hoxe, o máis importante é que hai posibilidade de iniciar unha nova etapa, un novo proxecto, un novo momento que nos saque do desconcerto político que estamos vivindo e da decadencia económica que atravesa Galicia”, Son declaracións do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, esta mañá, despois do anuncio de adianto electoral efectuado polo presidente da Xunta.

A confirmación do adianto da cita coas urnas pon final ao “culebrón electoral” iniciado por Touriño no verán, pero tamén lle da remate a un “proxecto esgotado”, o do Goberno bipartito que “levou a Galicia á decadencia económica e ao desconcerto político”.

POSIBILIDADE DE SUPERAR A DECADENCIA

A xuízo de Feijóo, o máis positivo do anuncio de hoxe é que se abre a posibilidade de que a sociedade galega poda decidir entre “a continuación dun bipartito ou a oportunidade dun novo proxecto”. Neste sentido, adiantou que o PPdeG traballará para demostrar ao conxunto dos galegos que existe un proxecto novo e alternativo que permitirá “saír da decadencia económica e do desconcerto político”.

Por iso, Feijóo efectuou un chamamento a toda a sociedade para “unir esforzos” para superar as actuais dificultades económicas, pero tamén para deixar atrás o desgoberno, situacións, as dúas, que “Galicia non merece”.

Como exemplo desta situación, o líder dos populares galegos recordou que minutos antes se puido comprobar no hemiciclo as profundas diferencias que separan aos socios do bipartito. “Nin sequera se poñen de acordo para aplaudir ao presidente” e “esta foi a tónica de catro anos”, agregou.

As eleccións do vindeiro 1 de marzo permitirán superar ese escenario e darán paso, a xuízo de Feijóo, a “un novo proxecto, unha nova oportunidade para as familias, para os traballadores, para as pequenas empresas, para os autónomos, para a xuventude, co voto democrático dos galegos”.

EIVA DEMOCRÁTICA

Nesta liña, o presidente do PPdeG lamentou que esa participación democrática poda verse empañada polo feito de que os emigrantes galegos, o 15% do censo electoral, non podan votar en urna. “Lamento profundamente que máis de 330.000 galegos non podan votar en urna e espero e desexo que, polo menos, podan votar identificándose previamente do DNI ou co pasaporte”, agregou Feijóo.

En declaracións aos xornalistas, no Parlamento, o presidente dos populares galegos concluíu que nos máis de tres anos e medio transcurridos desde a chegada do Goberno bipartito en Galicia, “o cambio foi a peor” xa que “non respondeu ás expectativas e decepcionou aos seus votantes”. “Agora, a Galicia espéralle outro cambio, pero a mellor”.