COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- Na data en que se celebra o Dia Internacional das Migracións, proclamado pola ONU no 2000, para conmemorar os dez anos decorridos da adopción pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas da Convención da ONU sobre a Protección dos Dereitos de todos os traballadores migrantes e os membros de súas familia, a responsábel da comisión de Migración do BNG, Ana Miranda, lembra que o Estado español non ratificou esta convención.
Así mesmo, na próxima reunión da comisión de migración que se vai celebrar o luns 22 de decembro en Compostela, proporase unha iniciativa para que os representantes do BNG trasladen ao Congreso e Senado a ratificación de dita convención internacional.
Miranda lembra que o BNG promove unha política migratoria baseada na equiparación de dereitos á cidadania galega no exterior, e tamén aos novos residentes doutros países en Galiza, e considera que son "insuficientes" as políticas migratorias que se están a realizar por parte da parte responsábel da administración autonómica neste momento. Lembra que a relación cos inmigrantes e seus colectivos xestionase dende a mesma área que a de relación cos galegos e galegas do exterior, a pesar de seren temas diferentes. Nesa liña, o BNG proporá a diferenciación das políticas de inmigración respecto das referidas á diáspora galega.
O BNG lembra a difícil situación internacional dos migrantes, desposuídos en moitos caso de dereitos, e sometidos ás dinámicas neoliberais de tráfico de man de obra e denuncia que non se promova nin dende a Unión Europea, nin dende a ONU unha estratexia global de xestións das migracións.