22 diciembre 2008

La Federación Vecinal sigue recordando al Gobierno de Vigo que más importante que las estampas es el pan...

VIGO (MORRAZO-tribuna).- A FAVEC considera desequilibrado adicar a totalidade dos fondos estatais a obras de humanización. Ademais de humanizar os barrios existen outras moitas iniciativas pendentes na cidade, especialmente no ámbito social, que tamén son susceptibles de xerar riqueza e emprego. A Federación Veciñal “Eduardo Chao” manifesta a súa satisfacción porque ao fin o goberno local recoñeza a necesidade de urbanizar e acometer melloras nos barrios e parroquias da cidade, abandonados durante moitos anos.

Do mesmo xeito que se pensa investir en infraestruturas básicas para dar servizo á cidadanía, lembramos que existen nesta cidade necesidades sociais moito máis urxentes: as dos centos de persoas esquecidas, enfermas e sen teito que durmen nas rúas e á intemperie e que non teñen nin o mínimo para subsistir. Adicar a totalidade dos cartos do fondo anticrise a obras no centro e periurbán mentres moitas persoas malviven e pasan fame parécenos mirar para outro lado e esquecer as necesidades de base nesta cidade.
Existen cartos dabondo para empezar coas obras nas parroquias, pero tamén para poñer en marcha os servizos básicos para as persoas máis empobrecidas como un albergue público, comedores, servizos de urxencias sociais 24 horas... Por iso pedimos que a utilización dos fondos sexa equilibrado e solidario. Queremos salientar que investir en servizos sociais básicos é unha importante fonte de emprego, xa que é unha oportunidade para que a xente máis empobrecida poda saír adiante, atopar emprego e refacer a súa vida, pero tamén supón unha porta aberta aos centos de traballadores e educadores sociais, educadores especiais, médicos, psicólogos, ATS, mestres... que se forman nas nosas universidades.
Colaboración
A FAVEC considera imprescindible que á hora de planificar as obras nos barrios e parroquias se conte coas asociacións veciñais, que son quenes mellor coñecen as necesidades de cada zona e as problemáticas que sufre a veciñanza no día a día. Mostra deste incesante traballo é o Plan Veciñal, un completo informe que recolle as necesidades de barrios e parroquias en materia de limpeza, vías e obras, saneamento e abastecemento, seguridade e infraestruturas e que calquer equipo de goberno terá sempre á súa disposición.