MARIN (MORRAZO-tribuna).- O xacemento de arte rupestre de Mogor en Marín contará a partir de 2009 cun centro de acollida de visitantes. O Consello da Xunta do martes 30 de decembro aprobará o convenio entre a Consellaría de Cultura e Deporte e o Concello de Marín para o investimento de 212.000 euros na construción deste centro e de dúas pasarelas para acceso aos petróglifos.
O obxectivo da actuación é dotar a este conxunto arqueolóxico dunhas mellores infraestruturas para a recepción de visitantes. O centro de acollida situarase no acceso fronte á estrada da praia, facilitando o ascenso ao conxunto. Será un edificio en planta baixa que albergará unha exposición informativa sobre o xacemento.
A actuación desenvolverase ao longo do vindeiro ano e completarase coa construción de dúas novas pasarelas de madeira a carón das dúas rochas con petróglifos en forma de labirinto para facilitar a súa visión, acompañadas de atrís informativos.
Estas pasarelas seguirán o modelo da plataforma que se construíu en 2007 e que serviu para mellorar a visión dos petróglifos da rocha máis grande, chamada “Pedra dos Mouros”, substituíndo a unha pasarela anterior en ferro, máis agresiva co ben arqueolóxico. Os traballos desenvolvidos o ano pasado implicaron tamén a diagnose e limpeza selectiva das rochas con gravados, coa eliminación de musgos e liques.
Mostra excepcional da arte rupestre
O de Mogor é un dos máis importantes conxuntos de petróglifos, unha mostra excepcional da arte rupestre en Galicia. A Consellaría de Cultura entende que a súa posta en valor é unha importante contribución á dinamización sociocultural do patrimonio da comarca.
Con esta finalidade, os petróglifos de Mogor foron elixidos como un dos xacementos de arte rupestre incorporados ao proxecto REPPARP (Rede Europea Primeiros Poboadores e Arte Rupestre Prehistórica), que xunto con outras comunidades autónomas e socios de Portugal e Francia, é o xerme da candidatura denominada "Camiños de Arte Rupestre Prehistórica" como Itinerario Cultural Europeo. O obxectivo é promover os enclaves rupestres e xerar una oferta cultural e turística de calidade que incida no desenvolvemento sostible das comarcas nas que se atopan.